75.000 euros para mellorar o pavimento e a sinalización de seis rúas do centro de Marín
Por Redacción
O Concello de Marín investirá case 75.000 euros nas obras necesarias para adecuar e manter o estado de varios viais do centro urbano. En concreto, o goberno municipal actuará nas rúas Concepción Areal, Carballiño, Barriada da Cañota, Ezequiel Massoni, Recamán e República Arxentina. En todas elas se detectou a necesidade de mellorar o pavimento e a sinalización debido ao seu actual estado.
O estudo técnico encargado polo Concello determinou que todas esas rúas era conveniente asfaltalas a base dunha rodadura mestura bituminosa en quente, tipo AC22 surf 50/70 D, incluíndo o levantado de tapas de arquetas. Realizarase finalmente a sinalización horizontal mediante pintura reflexiva branca ou amarela segundo sexa o caso de pasos de peóns, prazas de aparcadoiro ou demais indicativos viarios.
As obras incluídas no presente proxecto, que se financiará integramente con cargo ao Plan de Investimentos da Deputación de Pontevedra, coordinaranse entre si. Buscarase establecer unha orde lóxica que non obrigue á repetición de actividades e evite a destrución de unidades de obra xa executadas para efectuar instalacións que deberon ser previas.
Ao obxecto de reducir riscos, incluirase dentro das tarefas iniciais de reformulación a identificación e sinalización dos servizos existentes no ámbito das obras. En particular, sinalizarase a situación das redes de gas canalizado, as liñas eléctricas, as de comunicacións, iluminación pública, regulación de tráfico e abastecemento de auga que discorren polo ámbito.
Ademais, para minimizar as afeccións sobre o tráfico rodado as obras non coincidirán simultaneamente en beirarrúas enfrontadas nin afectarán a máis de dúas mazás consecutivas. E para manter a circulación, estes traballos deberanse acometer limitando a ocupación, na medida do posible, ás bandas de aparcadoiro e beirarrúas.
Sobre a base de todos estes criterios, o Concello de Marín calcula que estas obras poderán estar executadas no prazo de catro semanas.
As obras cínguense a actuacións nas zonas máis deterioradas de todas estas rúas, axustándose ao presuposto existente e tratando de mellorar aspectos, destaca o goberno municipal, que redunden nunha mellora substancial das zonas máis transitadas.