Así é a experiencia de Emma Teixeira, técnica do Concello de Pontevedra, en Cabo Verde
Por Redacción
Emma Teixeira, técnica de Orientación Laboral do Concello de Pontevedra, está gozando dos seus últimos días de vacacións. Pronto deberá regresar ao seu posto de traballo. Pero farao despois de vivir unha experiencia inesquecible. Porque as súas vacacións son diferentes. Desde o pasado 13 de setembro está en Cabo Verde, colaborando cun proxecto que desenvolve o Fondo Galego de Cooperación neste país africano.
Ata o próximo 12 de outubro participa no fortalecemento dunha cooperativa de mulleres artesás na municipalidade caboverdiana de Ribeira Grande.
Para acadar este obxectivo, está a traballar coa cooperativa Sulada para convertela nunha fonte estable de ingresos, xa que cada unha das 30 artesás que a compoñen sustenta unha media de dez persoas. Trátase así de que teñan unha alternativa viable á extracción de area e pedras para a construción, actividade ilegal que non garante os ingresos mínimos para unha vida digna e que causa un gran dano ambiental.
Deste xeito, impártense formacións para incrementar a produción de xabóns e cosméticos naturais e mais a súa calidade, pero tamén para capacitar nas áreas de xestión, contabilidade, márketing ou internet. Búscase ademais diversificar os ingresos elaborando tamén licores, doces, conservas, bixutería ou artesanía téxtil, e ampliar os mercados para estes produtos, tanto presenciais como online.
Ao tempo, este proxecto do Fondo Galego busca promover a alfabetización nun dos municipios máis empobrecidos e coa taxa de analfabetismo máis alta do país lusófono. Ademais, estase a sensibilizar en cuestións de participación cidadá, democracia, autoestima ou saúde reprodutiva.
A propia Emma Teixeira asegura que "a experiencia está a ser marabillosa polas mulleres, por compartir vivencias e porque sobre o terreo comprobas a importancia da cooperación internacional". Destaca que as mulleres coas que está traballando en Cabo Verde "lémbranme moitísimo ás galegas: fortes, decididas, loitadoras, mulleres moi traballadoras ás que nunca se lles recoñece ese esforzo".
A experiencia desta pontevedresa pode seguirse a través do blog http://vacacionscontraballo.wordpress.com/.