Emma Teixeira, de orientadora laboral en Pontevedra a colaborar con mulleres artesás en Cabo Verde
Por Redacción
Emma Teixeira, técnica de Orientación Laboral no Concello de Pontevedra, pasará este ano unas vacacións diferentes. Desprazarase ata Cabo Verde para apoiar un proxecto de desenvolvemento que impulsa o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no país africano. Formará parte do programa Vacacións con Traballo e ven de participar xa na xornada de formación co fin de prepararse para un mes no sur.
En concreto, Emma colaborará no fortalecemento dunha cooperativa de mulleres artesás na municipalidade caboverdiana de Ribeira Grande, co fin de promover a igualdade de xénero. Trátase dun proxecto que, cunha achega extraordinaria do Concello de Vigo, busca fomentar alternativas de emprego para as mulleres africanas.
A empregada municipal investirá o seu mes de vacacións compartindo os seus coñecementos técnicos cos parceiros no Sur. No entanto, Vacacións con Traballo é sobre todo un programa de sensibilización no que os profesionais participantes intercambian experiencias, toman conciencia das desigualdades e se converten en axentes da transformación social cara actitudes solidarias. Ao tempo, supervisan as actuacións que o Fondo Galego cofinancia nos países empobrecidos e exploran novas vías de colaboración.
Durante a estadía, Emma compartirá as súas vivencias nun blog, mentres que á volta terá que elaborar unha memoria e tomar parte en diferentes actividades de difusión.
Con esta novena edición de Vacacións con Traballo, que contou con sete candidaturas doutros tantos consistorios, serán 30 as empregadas e empregados municipais e provinciais os que vivan esta experiencia. Os vídeos nos que boa parte deles expoñen as súas reflexións están dispoñibles na canle do Fondo Galego en Youtube.