Pontevedra, capital da cooperación municipalista
Por Natalia Puga
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) xa están instalados no Centro Social Pontevedra Sur, abrindo unha etapa na que o Concello dá un paso máis na súa implicación con ambas as dúas institucións ou, o que é o mesmo, coa cooperación municipalista. Unha nova época que este venres viviu un día grande nas instalacións coincidindo co décimo aniversario do programa Vacacións con Traballo.
A cita serviu para reunir unha vintena de técnicos de concellos e deputacións de toda Galicia que teñen participado no programa Vacacións con Traballo con experiencias de cooperación en terreo en Nicaragua, Cabo Verde, Cuba ou Perú. Entre eles estaba a pontevedresa Enma Teixeira López, que o ano pasado empregou o seu mes de vacacións para colaborar nun proxecto do Fondo Galego en Cabo Verde e fai un balance moi positivo da iniciativa: "as sensacións foron moi bonitas".
"Eu sempre digo que me trouxen moito máis do que deixei; espero que deixara algo", indicou este venres, antes da xuntanza, esta orientadora laboral vinculada co Proxecto Iles. No seu caso, foi colaborar cunha asociación de mulleres chamada Sulada e un proxecto que traballaba o empoderamento feminino. A metade do seu traballo estivo vinculada co artesanato e a outtra metade vencellouse coa formación e a alfabetización.
Ademais de ter colaborado co citado proxecto, trouxo de regreso, como experiencia, a oportunidade de coñecer unha sociedade cunha "forma distinta de vivir a vida" e na que ve similitudes coa propia sociedade galega. "As mulleres caboberdianas tiñan un punto en común coas mulleres galegas, eran mulleres de costa, moi traballadores, mulleres que levaban a responsabilidade da familia como pasou en Galicia e como segue pasando, ellas eran as que facían subsistir as súas familias", explicou.
Esta experiencia tivo a oportunidade de trasladada aos outros participantes na reunión, entre os que estaba a concelleira de Benestar de Pontevedra, Carmen Fouces, moi satisfeita de poder asistir ao "primeiro acto que o Fondo celebra en Pontevedra, a nivel de todo o país". A entidade é, ao seu xuízo, "un instrumento moi bo" no eido da cooperación, de aí que o Concello quixera dar "un paso máis alá" da aportación que levan facendo os últimos anos -15.000 euros anuais e aportacións puntuais- cedendo parte das instalacións do Centro Social Sur.
O traslado foi efectivo xa hai máis dun mes, pero non se puido facer a inauguración das instalacións ao coincidir en plena campaña electoral, de modo que aproveitaron o encontro de Vacacións con Traballo para dar a coñecer que o Fondo e o IGADI xa están instalados en Pontevedra.
Relacionadas:
-
"Ser un pobo de emigrantes dános unha sensibilidade especial para entender determinadas cousas, como a crise dos refuxiados"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Cooperación internacional: aprendizaxe e ensino para o empregado público
Por Cristina Saiz & Marisa Ciordia |
-
O local Centro Sur en Campolongo xa acolle as actividades das asociacións do sur da cidade
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Catro asociacións do ámbito da discapacidade 'capitanearán' o centro cívico de Pontevedra Sur
Por Alejandro Espiño |
-
Emma Teixeira, de orientadora laboral en Pontevedra a colaborar con mulleres artesás en Cabo Verde
Por Redacción |