A familia Moldes intenta transmitir tranquilidade aos empregados ante a desconfianza sindical
Por Anxo Lourido
Os traballadores da cadea de supermercados Moldes seguen preocupados ante as distintas informacións que sitúan ao longo do mes de outubro a compra da empresa por parte do grupo Froiz. O presidente e o secretario do comité de empresa foron chamados pola dirección da cadea para trasladarlles un comunicado onde se afirma que a empresa Victoriano Moldes Ruibal "non foi nin vendida, nin fusionada, nin traspasada", non obstante engade que "non quere dicir que isto non poida suceder nalgún momento tendo en conta o mercado tan competitivo e a sociedade globalizada na que nos encontramos actualmente".
Dende Moldes inténtase transmitir tranquilidade a todos os traballadores que forman parte deste grupo de alimentación e sinalan que "sempre tratarán de salvagardar e manter as condicións laborais e de emprego", ademais a dirección da empresa resalta que "de facerse algún tipo de operación" llelo comunicarán á representación dos traballadores tal e como especifica o Estatuto dos Traballadores.
O secretario comarcal de Comisións Obreiras (CC.OO.), José Luis García Pedrosa, reclama que a información se transmita antes de que se efectúe a operación para que o comité poida negociar a situación e as consecuencias. Lara Gestido, representante sindical de CC.OO., indicou que os técnicos de Froiz xa avaliaron todos os establecementos e agora se está a retirar mobiliario como cadros, escritorios e outros materiais de carácter persoal, en moitos casos coa axuda dos propios empregados. Ademais, se realizou un inventario de material por parte da empresa neste mes, algo que nunca sucedera ata agora, según denuncia CC.OO., que apunta a que a partir dagora será unha filial de Moldes a que ofreza o subministro aos establecementos.
García Pedrosa mostrou a súa preocupación polos traballadores temporais do Grupo Froiz que se verían afectados polo proceso de recolocación do persoal de Moldes nos supermercados da firma compradora.
Relacionadas:
-
Dúas grandes cadeas de supermercados pugnaron con Froiz para mercar Moldes
Por Anxo Lourido |
-
Grupo Froiz alcanza un acordo para comprar Supermercados Moldes
Por Redacción |
-
Os traballadores de Moldes, preocupados ante a operación de compra por parte de Froiz
Por Anxo Lourido |
-
Froiz ultima un acordo para adquirir Supermercados Moldes, segundo fontes do sector
Por Redacción |