Froiz ultima un acordo para adquirir Supermercados Moldes, segundo fontes do sector
Por Redacción
Unha operación comercial, que leva xestándose en segredo durante meses, está a punto de convulsionar o mercado da distribución de alimentación na provincia de Pontevedra. Froiz ultima un acordo para adquirir Supermercados Moldes, segundo confirman fontes do sector. Ningunha das dúas empresas recoñece publicamente estas negociacións, coñecidas xa entre os provedores de ambos os dous grupos e os sindicatos.
Segundo informan Manuela Sío Dopeso e Carlos Punzón na sección de Economía de La Voz de Galicia, habería xa un principio de acordo para que a compañía fundada por Magín Froiz se faga co seu competidor. A compra non estaría pechada ao cen por cen, pero sinalan que se podería materializar en cuestión de días.
Con esta adquisición, Froiz reforzaría a súa posición no mercado minorista galego. A suma de ambas as dúas cadeas permitirá crear un grupo de distribución que alcanzaría os 600 millóns de euros de facturación anual. Tería un plantel de máis de 3.000 traballadores.
A compañía con sede en Lourido (Poio) pechou o pasado ano 2013 cunha rede comercial composta por 194 centros propios, aos que se suman outros 45 en réxime de franquía, que principalmente operan coas marcas Mercamás e Tandy. A súa facturación alcanzou os 522 millóns de euros, un 1,5% máis que o ano anterior.
Pola súa banda, o grupo de Vitoriano Moldes Ruibal conta con 26 supermercados en toda a provincia de Pontevedra. Supera os 76 millóns de euros en facturación e ten 392 empregados, segundo un recente informe do Consorcio da Zona Franca de Vigo.
Este interese de Froiz por adquirir Supermercados Moldes é coñecido na cidade de Pontevedra dende hai unhas semanas, pero ata agora ninguén lograra confirmar a operación. A este respecto, o sindicato Comisións Obreras anuncia unha rolda de prensa, que se celebrará o próximo luns, para analizar as consecuencias deste acordo empresarial.
Relacionadas:
-
Dúas grandes cadeas de supermercados pugnaron con Froiz para mercar Moldes
Por Anxo Lourido |
-
Grupo Froiz alcanza un acordo para comprar Supermercados Moldes
Por Redacción |
-
A familia Moldes intenta transmitir tranquilidade aos empregados ante a desconfianza sindical
Por Anxo Lourido |
-
Os traballadores de Moldes, preocupados ante a operación de compra por parte de Froiz
Por Anxo Lourido |