![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/a53/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/542405b061-dsc_0104.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
Zumba para todos os públicos este domingo na avenida de Montero Ríos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A avenida de Montero Ríos converterase este domingo nunha improvisada sala de zumba. Un grupo de tres irmáns brasileiros, Bruno, Gabriela e Angélica Hermida, impulsan unha master class desta modalidade, a medio camiño entre o baile e o deporte. Estará aberta todos os públicos, co dobre obxectivo de promocionar esta actividade e achegar alimentos non perecedoiros á Cruz Vermella.
Para participar tan só é necesario presentarse con roupa deportiva e unha toalla para secar o suor. Haberá tamén que achegar un paquete ou un quilogramo dalgún produto alimenticio. O horario abrangue dende as 19.00 horas ás 21.00 horas.
O evento foi presentado este xoves polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e os irmáns H, tal e como se denominan os promotores desta iniciativa. Sen embargo, os que se acheguen o próximo domingo terán a oportunidade de gozar das indicacións de 11 monitores, procedentes de toda Galicia, e de pasar un rato máis que agradable.
O concelleiro subliñou que o principal obxectivo desta iniciativa é ofrecer unha opción divertida para pasar a tarde do domingo e engadiu que a zumba pode ser unha alternativa de actividade física para moita xente.
Bruno Hermida subliñou que será unha master class na que terán cabida nenos, adultos e persoas maiores. Agárdase a presenza dun mínimo de entre 200 e 300 persoas, dado que entre os tres irmáns xa superan os 750 alumnos repartidos por diversos lugares da provincia.
A zumba, unha especialidade na que se combinan diversos estilos de bailes latinos, pero tamén ritmos hip hop, é hoxe unha disciplina universal despois do seu nacemento en Colombia no ano 2001.