O Ministerio de Emprego reclama cartos a parados que aínda non recibiron o pagamento do Fogasa
Por Redacción
O sindicato CIG iniciará o martes 30 un calendario de protestas ante a decisión por parte do Goberno Central de atrasar os pagamentos do Fondo de Garantía Salarial (FOGASA). Marcos Conde, secretario comarcal da central nacionalista, sinalou que máis de douscentos afectados asistiron ás asembleas informativas e sumaranse á primeira concentración o próximo martes ante a Subdelegación do Goberno ás 12.00 horas na que presentarán escritos individuais reclamando unha explicación por parte do Goberno Central a ese atraso que só permitirá que cobren este ano o 40% das indemnizacións correspondentes aos traballadores que foron despedidos de empresas en concurso de acredores ou en situación de insolvencia.
A situación, segundo Marcos Conde, agravouse debido a que o Ministerio de Emprego está a demandar por vía de constrinximento a traballadores pendentes do cobramento de Fogasa o diñeiro "indebidamente cobrado" da prestación de desemprego. Ese diñeiro é o derivado do pagamento por parte das Oficinas de Emprego da prestación de desemprego, recibidos dende que foi despedido ata que saíu a sentenza que obriga a empresa a pagar os salarios de tramitación.
Conde denuncia esta situación que está a provocar embargos a traballadores aos que se lles está a reclamar a devolución do diñeiro da prestación "antes de que estea cobrado o Fogasa, o mesmo Ministerio que lle debe cartos lle está a reclamar por vía de apremio que pague" de xeito inmediato.
Dende a CIG sinalan que a única forma de paralizar eses embargos é presentando unha reclamación nas Oficinas de Emprego.