ExpoBeauty e o Congreso Galicia Look & Fashion, eventos para profesionais de peiteado e estética
Por Redacción
Por segundo ano consecutivo o Recinto Feiral de Pontevedra alberga o Salón Ferial ExpoBeauty e o Congreso Galicia Look & Fashion que se desenvolven ao longo dos días 27, 28 e 29 de setembro. Estes dous eventos estarán novamente avalados pola Federación de Empresarios de Asociaciones de Peluquería y Estética de Galicia, cuxos principais obxectivos son fomentar a innovación e a calidade profesional, mellorar a xestión empresarial e a competitividade, aumentar a produción e rendibilidade das empresas de Peiteado e Estética, e por ende, a creación de emprego.
Para iso, nesta segunda edición, proponse a organización de diversas accións encamiñadas a posicionar estes dous eventos como referentes para o sector na zona noroeste de España.
Preséntase a oportunidade de poder consolidar en Pontevedra os dous únicos eventos de gran magnitude no sector da beleza e imaxe persoal que existen, nunha zona tan ampla que chega a cruzar as nosas fronteiras cara a outras comunidades autónomas e mesmo alcanza ata boa parte do territorio portugués.
Se trazásemos un cuadrante no que se unise Bilbao con Madrid e Madrid con Porto (Portugal), poderiamos comprobar que o único punto dese grande espazo da Península Ibérica no que se celebra un Congreso e un Salón Feiral dedicado ao Peiteado e a Estética é Pontevedra, que lidera nunha zona tan ampla do territorio nacional, cunha das citas profesionais do noso país que só teñen outras cidades tan importantes como Madrid, Barcelona, Bilbao, Sevilla e Alicante.
E para consolidar eventos deste tipo, é necesario cumprir dous requisitos importantes e directamente relacionados entre si: ter unha alta afluencia de público e unha programación de espectáculos demostrativos de alto impacto, realizados por recoñecidos profesionais do sector e avalados por grandes marcas internacionais.
Para conseguir todo isto, nesta segunda edición a organización presentará en pasarela espectáculos de estilistas de recoñecido prestixio nacional e internacionais, que traerán (algúns en primicia) as súas últimas coleccións vangardistas e as principais tendencias en imaxe persoal.
Ademais, poderase asistir á realización do único Campionato de Uñas profesional en xel e acrílico que existe en Galicia e que levará ás finalistas a participar no Campionato Nacional de Uñas, que se celebrará en febreiro de 2015 en Barcelona e polo que logo se poderá optar ao Campionato Mundial de Uñas, no que as gañadoras da categoría Máster en manicura francesa, tanto en acrílico coma en xel, serán invitadas como representantes españolas no International Nail Championship que terá lugar en Düsseldorf en marzo de 2015.
Ademais de todo isto, en ExpoBeauty, realizarase a gala de selección de candidatas que se presenten por Galicia a "Miss World Spain 2015" (certame coñecido anteriormente como "Miss España"), co que se engadirá un importante valor extra a dous eventos totalmente envorcados cos profesionais da beleza persoal. Un valor engadido para xerar unha atracción de público profesional, ao que tampouco lle faltarán as sorprendentes demostracións de novos produtos e a formación profesional mediante maxistrais Másters Class e talleres con expertos.
EXPOBEAUTY
O Salón Feiral da beleza, a imaxe e a moda será un grande escaparate de máis de 5.000 metros cadrados, no cal expositores de prestixiosas marcas nacionais e internacionais mostren aos profesionais do sector, todas as súas novidades, adiantos así como as últimas tendencias.
Dispoñerase dun escenario "non-stop" para realizar demostracións, conferencias formativas, presentacións de produto, ou espectáculos en vivo.
GALICIA LOOK & FASHION
O Congreso de Peiteado e Estética celebrarase paralelamente ao Salón Feiral ExpoBeauty, os días 27 e 28 de setembro. Ao igual que o ano pasado, a este congreso están convidados importantes profesionais de recoñecido prestixio internacional no mundo do Peiteado e Estética, que facilitarán unha visión máis ampla sobre novas técnicas de traballo e últimas tendencias en imaxe persoal e moda.