Condenan a tres anos e seis meses de prisión o irmán de Telmo Martín
Por Redacción
O xulgado do Penal número 1 de Pontevedra ten condenado a tres anos e seis meses de prisión e unha multa de 1.697.656 euros, ao empresario Roberto Martín, irmán do deputado do PP e exalcalde de Sanxenxo, Telmo Martín.
O xuíz entende que Roberto Martín é autor dun delito contra a Facenda Pública, ao ter ocultado ao fisco a plusvalía obtida pola venda duns terreos que vendeu ao triplo do que pagou por elas pouco antes coa agravante de ter utilizado unha armazón de ata seis sociedades pantasma para ocultar os beneficios que obtiña.
A sentenza recolle que Roberto Martín deixou de ingresar ao erario público 478.597 euros que agora deberá devolver a Facenda xunto aos intereses legais.
Se non aboase as cantidades debidas a sentenza fixa unha condena de 100 días máis de cárcere.
O fallo do xulgado pontevedrés non é firme e pode ser recorrido en apelación ante a Audiencia Provincial.
A Fiscalía de Delitos Económicos de Pontevedra e a Avogacía do Estado que representaba os intereses de Facenda solicitaron unha pena de oito de anos de prisión por tres delitos contra a Facenda Pública. Non obstante a sentenza só lle declara culpable dun dos tres delitos.