A Fiscalía pide seis anos de prisión para o irmán de Telmo Martín por tres delitos contra a Facenda Pública
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Roberto Martín González, irmán do deputado popular e exalcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, sentouse este martes no banco do Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra acusado de tres delitos contra a Facenda Pública polos que o fiscal solicita unha pena de dous anos para cada un deles e tres multas de 200.000 euros por cada un dos delitos así como o reintegro ao Estado do diñeiro presuntamente defraudado, un total de 478.000 euros.
Roberto Martín asegurou durante o xuízo que "no he estudiado ninguna carrera, ni tengo conocimientos jurídicos ni en materia fiscal", e que sempre se dedicou á "intermediación en el sector inmobiliario, a las exportaciones y a la compraventa de propiedades". Por este motivo creou as sociedades Abbaco Gestión Inmobiliaria Financiera, Gestiones Empresariales Pontevedra Norte, Redison Imexcom 1991; Starnberg Business, SL; Desarrollos y Proyectos Socimar e Razamonde, SL. "cada sociedad tenía un fin diferente", dixo.
O acusado asegurou non ter ningunha propiedade "ni en España ni en ningún lugar del mundo". Vive na casa familiar cos seus pais, onde colabora economicamente "cuando puedo", apuntou.
Roberto Martín, que só respondeu ás preguntas do seu avogado, asegurou que fixo diversas operacións comerciais, como a transmisión da propiedade de varios terreos en Sanxenxo e dúas parcelas urbanas na Illa de Arousa.
A Fiscalía mantén que os soares de Sanxenxo tiñan un importe total de 1.184.000 euros, que foran adquiridas previamente por 560.000 euros. O Ministerio Público afirma que comprou as dúas parcelas urbanas na Illa de Arousa por valor de 360.607 euros e as vendeu varios meses despois por 901.000 euros, obtendo un beneficio de 540.000 euros.
Segundo sostivo a acusación este martes, esta transacción formalizouse nun contrato privado que Martín González achegou por primeira vez á causa.
Este contrato privado foi asinado entre Martín e un home que hoxe tería que ter comparecido como testemuña pero que non o fixo. Un compañeiro de esta testemuña xustificou a súa ausencia en "motivos laborais que o obrigaron a saír do país" a pesar de ter coñecemento da súa citación ante o xulgado.
O xuíz advertiu a existencia dun posible delito de obstrución á Xustiza e programou unha nova sesión do xuízo para os próximos días "esperando la comparecencia de este testigo fundamental para la causa". Pola súa banda a Fiscalía e o avogado do Estado, que defende os intereses da Axencia Tributaria, interesaron que se sancione a actitude desta testemuña cunha multa e que sexa conducido pola forza pública para presentarse ante o tribunal.
O fiscal especializado en Delitos Económicos, Augusto Santaló, entende que o acusado Roberto Martín, "aparentou a transmisión de participacións en distintas vendas" e varias destas empresas tras ser baleiradas de capital "pasaron a ser propiedade de cidadáns portugueses que nunca puideron ser localizados para comparecer neste proceso".
Todas estas sociedades, segundo o fiscal, "carecen da necesaria infraestrutura persoal e material para poder realizar entre elas operacións económicas", ademais, os peritos achegados polo Ministerio Público argumentaron que para xustificar e dar aparencia de realidade á inexistente actividade empresarial da armazón, se emitiron facturas que non obedecían a operacións económicas reais.