Cotobade acondiciona todos os camiños da Parroquia de Tenorio
Por Redacción
O Concello de Cotobade procedeu á realización de obras de conservación, limpeza e desbroce dos viais de Tenorio.
A Parroquia de Tenorio tamén celebra as súas festas a partires destes días, polo que nestas semanas unha parte das cuadrillas municipais participaron nos traballos de acondicionamento e desbroce dos núcleos de Tenorio, ao mesmo tempo que se facía en Aguasantas e Valongo.
Tamén, procedeuse a limpar e acondicionar por terceira vez este ano as beirarrúas da estrada vella, así como todos os camiños e pistas municipais.
O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, tamén xestionou ante a Deputación a colaboración e implicación para cofinanciar a través do Plan Cultural Provincial subvencións para as bandas de música e grupos folclóricos que participarán nas festas destes días.
Cubela tamén planificou cos operarios municipais directamente os traballos de limpeza que se efectuarán cada día para limpar e acondicionar o Campo da Festa para que cada día presente a súa mellor imaxen e estea óptimo para as procesións diarias.
O Goberno Local tamén procedeu a levar a cabo as obras de conservación do muro do Campo da Festa tras obter o correspondente permiso da Delegación de Patrimonio.
Tamén, destaca o alcalde o asfaltado dunha pista en Calvelo que dá acceso ás casas, así como o bacheo integral de toda a parroquia, traballos estes feitos a primeiros de agosto tras a operación que se acometeu en todas as parroquias do municipio. Destacando: a subida á Igrexa Parroquial; Lérez; Barro; Subida ós Palleiros; Rascadería, Parada de Tenorio; e a pista que une Tenorio con Cabanelas en Viascón.