Augas de Galicia advirte a Ence por utilizar técnicas de dilución das verteduras
Por Redacción
A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) recibiu un escrito da Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia en resposta á denuncia formulada polo colectivo ecoloxista contra ENCE polo incumprimento da Autorización Ambiental Integrada (AAI).
De acordo co escrito, Augas de Galicia ten emitido cinco informes en diversas ocasións ao longo dos anos 2013 e 2014, informes que fan referencia á utilización das chamadas balsas de emerxencia, que "tal como denunciou a APDR no pasado mes de abril, entra en contradición co establecido na Autorización Ambiental Integrada".
Defensa da Ría denunciaba daquela a utilización das balsas de emerxencia para diluír a concentración dos contaminantes presentes nas augas de vertido de ENCE, "unha práctica ilegal recoñecida polos seus representantes", sostén a APDR e pola que agora a Xunta de Galicia limítase a "advertir" á empresa indicándolle que "o cumprimento dos valores límite de emisión en ningún caso poderán alcanzarse mediante dilución".
Segundo valoran dende a asociacion medioambientalista "resulta certamente indignante que a Xunta, que recoñece implicitamente que ENCE utiliza as balsas de emerxencia para diluír os seus vertidos non abra un expediente sancionador contra a empresa, unha empresa que non se debe esquecer- caracterízase polo incumprimento da lexislación ambiental sen que o Goberno galego tome medidas".
Diante desta situación, a APDR solicita copia da totalidade dos informes emitidos por Augas de Galicia así como daquela información facilitada pola empresa en resposta ás solicitudes deste organismo autónomo; así mesmo, pregunta ao Goberno galego se ten aberto algún expediente sancionador a ENCE e se ten adoptado algunha medida para impedir a utilización fraudulenta das augas das balsas de emerxencia para a dilución dos vertidos.
Xa por último, a APDR quere chamar a atención sobre un feito "que non debe pasar desapercibido: todo indica que a Xunta de Galicia e o Goberno español queren prorrogar a concesión de ENCE en Lourizán aplicando a nova Lei de Costas; unha prórroga a unha empresa que incumpre a lexislación e que non respecta nin os dereitos da poboación nin as condicións fixadas na súa Autorización Ambiental Integrada a pesares de ter sido pactada e feita á baixa para que non tiveran dificultades para a cumprir".