A APDR pide que se abra un expediente sancionador a ENCE por incumprir a Lei de Augas de Galicia
Por Redacción
A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) esixe á Xunta de Galicia a apertura dun expediente sancionador a Ence por incumprir a Lei de Augas de Galicia ao mesturar augas limpas procedentes da captación da empresa no río Lérez (almacenadas nas balsas de emerxencias) coas augas residuais contaminadas procedentes da depuradora da empresa antes da súa vertedura á Ría.
O colectivo ecoloxista presentou unha denuncia por esta práctica que sosteñen que é "ilegal" ante a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta e solicita que se adopten medidas que impidan que a pasteira siga actuando do mesmo xeito. A medida fundamental que reclaman é o bloqueo de calquera posibilidade de transvase de auga limpa ao canle polo que discorren as augas contaminadas de Ence antes da súa entrada ao emisario submarino.
Ademais, na súa denuncia por incumprimento da Lei 9/2010 de Augas de Galicia solicitan que se intensifique a vixilancia para evitar esta "dilución ilegal" que falsea os resultados das analíticas que se realizan.
A APDR denuncia que durante unha inspección de Augas de Galicia a empresa xustificou que realiza esta mestura de augas limpas e contaminadas para rebaixar a temperatura da vertedura cando esta é moi elevada. Para o colectivo ecoloxista, esta xustificación é "sorprendente" porque a Autorización Ambiental Integrada da empresa non establece ningún límite para a temperatura da vertedura, polo que a empresa non precisaría controlar este parámetro.
Denuncian que a Administración está a "mirar para outro lado" mentres Ence "incumpre a lei"
"Coñecendo o desprezo que Ence ten polo cumprimento da lexislación, que lle leva a non facer ningún esforzo por rebaixar a concentración dos contaminantes realmente daniños, resulta absolutamente absurdo e incríble este afán por controlar a temperatura dos vertidos", sinalan ao respecto.
Os ecoloxistas manteñen que esta práctica está expresamente prohibida pola Lei de Augas de Galicia e denuncian que "está sendo permitida" pola Administración, que está a "mirar para outro lado" mentres Ence "incumpre a lei".
Na súa opinión, a pasteira engana con esta práctica ilegal á Adminsitración e á cidadanía, á que denuncia que "pretende facer crer que a contaminación é menor da real". Ademais, está a desbaldir a auga limpa, un recurso valioso na comarca que "se estraga de forma inxustificada".
Con motivo desta denuncia, a APDR recorda que sempre lle resultaron sorprendentes algúns dos resultados aportados por Ence á Xunta de Galicia para algún dos parámetros que miden a calidade de vertedura, uns valores que aínda estando por riba do permitido pola lexislación para as augas residuais, aseguran que resultan "contraditorios" cos obtidos por Augas de Galicia, que refire sempre concentracións mais elevadas para estes parámetros.
Relacionadas:
-
Augas de Galicia advirte a Ence por utilizar técnicas de dilución das verteduras
Por Redacción |
-
O director de ENCE asegura que a APDR "non se informa e dedícase a buscar titulares"
Por Redacción |
-
O goberno local súmase ao recurso da APDR contra a autorización ambiental de Ence e Elnosa
Por Redacción |