Marín rexistra dous atropelos en pasos de peóns en só unha hora
Por Redacción
O centro urbano de Marín foi escenario este mércores de dous atropelos en apenas unha hora. Ambos os dous tiveron lugar nun paso de peóns.
O primeiro deles sucedeu ás 17:40 horas na Avenida de Ourense e nel resultou ferido un neno de cinco anos despois de recibir o impacto do retrovisor dun turismo, segundo explicou a Policía Local de Marín.
Un particular alertou o 112 da incidencia, e o servizo de Emerxencias informou á súa vez o 061, que trasladou ao menor de idade ao Hospital Provincial de Pontevedra.
Pouco despois, ás 18:45 horas, recibíase outro aviso por atropelo, de novo nun paso de peóns. Nesta ocasión unha muller de 22 anos, con iniciais N.B.P., tivo que ser atendida polos servizos médicos tras ser arrastrada por outro vehículo.
O accidente tivo lugar na rúa Concepción Arenal e a vítima foi trasladada ao Hospital Miguel Domínguez.