O 'chupinazo' abrirá o 25 de agosto as festas de Sanxenxo
Por Redacción
Os festexos en honor a San Xenxo e Santa Rosalía comezarán o 25 de agosto co chupinazo que acenderá a alcaldesa, Catalina González, para dar paso a propostas como a sardiñada, a milla urbana o certame de xogos tradicionais, o día do neno, a Feira da Cebola, o espectáculo pirotécnico e as verbenas no Concello de Sanxenxo.
As festas patronais estenderanse ata o 5 de setembro e nas que, segundo a concelleiro de Cultura Paz Lago, vanse programar actividades lúdicas destinadas a un público de todas as idades e que complementarán "os actos estritamente relixiosos".
O domingo 24, o músico Roi Casal ofrecerá un concerto ás 22.00 horas na praza dos Barcos, mentres que o luns 25 os turistas serán os principais protagonistas da xornada. A eles irá destinada a 'sardiñada' gratuíta que se servirá a partir das 12.30 horas no porto. A Banda de Música de Sanxenxo actuará na Praza de Pascual Veiga ás 13.00 horas e ás 21.00 horas dese luns no que se realizará a procesión en honor do patrón.
O mércores 27, o xoves 28 e o venres 29, a cultura e as tradicións populares centrarán os relatorios dos expertos que participarán nas xornadas 'Sanxenxo na historia'.
O domingo 31 será o día da XV Milla Urbana e do Certame de Bandas de Música na praza de Fonte de Ramos. Durante a mañá seguinte celebrarase o XV Certame de Xogos Tradicionais na praia de Silgar que terá continuidade cunha yincana e unha festa o martes 2 de setembro.
O mércores 3, a Banda de Música Municipal de Agolada actuará na praza de Pascual Veiga e numerosos fieis participarán na procesión nocturna para recoller a imaxe de Santa Rosalía para que o 4 de setembro se abra a XXXII edición da Feira da Cebola coa instalación de 60 postos no recinto portuario.
A homenaxe á Virxe do Carme será o venres 5 con pasacalles e alboradas cunha procesión marítima durante a tarde. As orquestras Pontevedra e Foliada pecharán as festas esa noite na Praza do Mar.