Desbrozan a maleza e bachean a parroquia de Loureiro en Cotobade
Por Redacción
Un equipo de limpeza traballa, durante estes días, na limpeza dos camiños da parroquia de Loureiro en Cotobade. Dous tractores desbrozan a estrada autonómica ao seu paso por Loureiro-Insuela e un tractor municipal de brazo mecánico está a despexar de maleza os noiros e cunetas da parroquia.
Nos traballos tamén colabora unha brigada formada por cinco operativos que realizan a limpeza nos lugares nos que ou tractor non entra ou lle resulta dificultoso traballar. Desbrozouse, durante as primeiras xornadas de traballo, o ámbito da Capela das Neves, con motivo da festividade que se desenvolveu neste lugar durante a fin de semana.
Ao longo dous próximos días iniciaranse os traballos de roza da pista que se prolonga ata Batán.
Segundo informa o Concello de Cotobade, no pasado inverno limpouse o sendeiro do Foxo do Lobo entre Batán e Corredoira como demandaban os veciños, tras décadas nas que non se realizase ningún traballo na zona.
Ademais, o alcalde Jorge Cubela confirmou que se desenvolveron obras de bacheo das pistas municipais que unen Loureiro con Famelga ou Frade, e tamén con Beseiro e Caroi, dentro do operativo de bacheo que se realiza en todo o concello.