Veciños e BNG denuncian unha vertedura de augas fecais no río e a praia de Loira
Por Redacción
O BNG de Marín alerta de que os vertidos de augas fecais sucédense no municipio por falta de mantemento da rede e, como exemplo, poñen unha vertedura rexistrada o luns na praia de Loira. Sitúan o orixe na estación de bombeo e sinalan que provocou a contaminación do río e da praia na que desemboca.
Os nacionalistas consideran que este novo vertido evidencia unha falta de mantemento axeitado da rede municipal de saneamento e, sobre todo, dos bombeos, unha tarefa que ven imprescindible para evitar este tipo de contaminación. Alertan de que "chega ao mar en poucos minutos e en horas de máxima afluencia".
A voceira nacionalista, Pilar Blanco, sinala que os propios veciños alertaron á Policía Local de Marín na tarde do luns de que un abundante vertido procendente da rede de augas fecais estaba chegando á praia de Loira. Na súa opinión, que foran os propios veciños os que tiveran que dar a alerta "implica que o sistema de alarmas dos bombeos que deben recibir os técnicos municipais tampouco funciona".
Segundo sinala Pilar Blanco, as dúas estacións de bombeo principais que recollen as augas fecais das parroquias do rural, Mogor e Loira, presentan unha falta de atención e mantemento. Ademais, atribúen ao Goberno local do PP que paralizou todo tipo de actuacións para evitar os vertidos ao mar.