A saída de vía constitúe o tipo de accidente que máis falecidos xerou en 2013
Por Redacción
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, presidiu este mércores a reunión da Comisión Provincial de Seguridade Vial, onde se efectuou unha análise das cifras sinistralidade viaria na provincia durante o pasado ano 2013, destacando o descenso do número de falecidos por accidente de tráfico con respecto ao ano anterior.
Esta comisión, creada por Real Decreto do Ministerio do Interior, reúne representantes dos principais organismos da provincia relacionados coa seguridade das vías. Á reunión celebrada hoxe asistiron, ademais do subdelegado do Goberno, o xefe provincial de Tráfico, o tenente xefe accidental do subsector de Tráfico, o xefe da Unidade de Estradas de Pontevedra, representantes da Xunta de Galicia, Audasa, Acega e das Policías Locais de Pontevedra e Vigo.
Segundo informou o subdelegado do Goberno na provincia de Pontevedra, durante o pasado exercicio, producíronse 22 accidentes mortais con idéntico número de falecidos que, fronte aos 34 accidentes e 35 falecidos de 2012, supón un descenso do 35,29% no número de accidentes e do 37,14% no de vítimas mortais.
Os falecidos por accidente de tráfico na provincia en 2013, descenderon nun 37,14 por cento
As estradas convencionais aglutinan o 90% dos accidentes mortais que se produciron nas vías interurbanas da nosa provincia no pasado exercicio. Os accidentes con vítimas mortais só no 36% dos casos producíronse en fin de semana e, predominantemente, en desprazamentos de curto percorrido e en horario diúrno. A saída de vía constitúe o tipo de accidente que máis falecidos xerou en 2013.
En canto ás características da sinistralidade, séguese mantendo unha maioría de vítimas do sexo masculino. A proporción de varóns falecidos sobre o total foi do 78%. Esta tendencia invértese en relación coa accidentalidade peonil, supoñendo o número de mulleres falecidas máis do 70% do total.
Por outra parte, o intervalo de idades que concentra un maior número de falecidos sitúase entre os 25 e os 44 anos. A accidentalidade peonil constitúe unha excepción, en canto o 71% dos falecidos son persoas que superan os 75 anos de idade.
No último decenio obsérvase, ademais, un importante descenso da accidentalidade na provincia. En 2013 houbo 48 mortos menos que en 2004, ano no que faleceron 70 persoas por accidente de tráfico.
NOVA LEI DE TRÁFICO
A Comisión Provincial avaliou as medidas que incorpora a nova Lei de Tráfico, que pretende reducir a sinistralidade vial e mellorar a seguridade dos distintos usuarios da vía, adaptando ou modificando outros aspectos que non só dean resposta ás necesidades dos condutores, senón tamén aos cambios que se producen nos vehículos e as vías, factores todos eles determinantes na produción dos accidentes.
Así, entre as medidas que entran en vigor, a nova Lei establece que se poderá inmobilizar un vehículo se non se dispón do dispositivo de retención infantil e prohibe os detectores de radar (non os que simplemente informan da presenza destes).