O Concello de Pontevedra, pioneiro no uso do dominio .gal na Internet
Por Redacción
A Asociación puntoGAL presentou os 93 seleccionados no seu programa Pioneiros nun acto que tivo lugar no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela. As empresas, administracións, fundacións e asociacións elixidas serán as primeiras en poder activar un enderezo co .gal a partir do día 25 de xullo. E entre elas, estará o Concello de Pontevedra que mudará a súa dirección electrónica a www.pontevedra.gal.
Das 134 solicitudes, a asociación seleccionou aos pioneiros que desenvolverán este novo dominio galego. Son 39 administracións públicas, 32 empresas e 63 asociacións, elixidas segundo criterios de representatividade na sociedade, en función da contribución ofrecida ao lanzamento do .gal e garantindo que todos os sectores sociais estean representados.
En concreto, ademais do Concello de Pontevedra entre os pioneiros do .gal están a Xunta de Galicia, a Real Academia da Lingua, os principais partidos políticos e sindicatos galegos, medios de comunicación ou numerosos concellos. Tamén se reservou un espazo para asociacións, colectivos sociais, culturais e deportivas ou empresas, entre elas algunhas vinculadas coa cidade como o Culturgal, Rei Zentolo ou a Universidade de Vigo.
Os nomes pioneiros poderán activarse dende o vindeiro venres 25 de xullo, Día de Galicia, data elixida por puntoGAL pola súa especial significación no país, unha vez resoltos os requisitos da posta en marcha para cada un deles. Todos amosaron, segundo a asociación, o compromiso que existe en todos os sectores da sociedade para que Galicia teña un identificador de seu na rede.
O presidente da Asociación puntoGAL, Manuel González, detallou as vantaxes económicas, técnicas e simbólicas que aportará ao país dispor dun identificador de máximo nivel. González salientou no seu discurso que "os participantes neste programa son pioneiros de algo tan importante como que neste medio revolucionario que condiciona as nosas vidas Galicia teña un carné de identidade, que a lingua galega teña visibilidade".
Pola súa banda, a directora xeral da asociación, Edita de Lorenzo, destacou o apoio económico realizado polos pioneiros para o lanzamento do novo identificador, pois a súa aportación é a única fonte de ingresos actual de puntoGAL. O obxectivo da asociación é que o .gal se autofinancie e reinvista os posibles beneficios na sociedade galega.
Edita de Lorenzo tamén explicou as seguintes fases do lanzamento. Completados os Pioneiros, a seguinte fase, bautizada como Abrente, comezará en setembro e durará ata novembro. Buscará protexer dominios de interese público. Nela as entidades públicas e privadas poderán exercer o seu dereito preferente de solicitar o seu dominio actual.
Búscase así protexer os intereses de colectivos como propietarios de marcas, administracións públicas ou marcas internacionais protexidas de acordo as normas da ICANN (o organismo que goberna os enderezos da Internet). Paralelamente ao Abrente, haberá unha Carreira para o público en xeral para os enderezos que non teñan dereitos preferentes. Durante esta fase poderase poxar por enderezos especialmente atractivos.
A FASE ABERTA, A PARTIR DE DECEMBRO
Finalmente, en decembro, chegará a Fase Aberta, na que todo o público poderá acceder ao dominio .gal sen máis restricións, como sucede como calquera dos dominios que levan tempo na rede. Ao igual que no resto dos períodos, o rexistro será libre e os sitios web co .gal deberán ter un contido mínimo significativo en lingua galega, aínda que se mostre tamén noutros idiomas.
No caso de que non mostre contido en galego, deberán ser contidos relacionados coa cultura galega ou servizos en liña especificamente dirixidos á comunidade galega e que favorezan o seu desenvolvemento.