A conserveira viguesa Orbe compra unha parcela na Reigosa
Por Redacción
A conserveira viguesa ORBE S.A adquiriu 15.000 metros cadrados de terreo no Polígono Industrial da Reigosa. Esta adquisición, realizada a Xestur, enmárcase dentro do proceso de expansión industrial da empresa co obxectivo de mellorar as súas infraestruturas e atender a demanda existente de produción.
Este venres, a xunta de goberno do Concello de Ponte Caldelas aprobou a licenza de obra para a limpeza e nivelación dos terreos adquiridos.
A adquisición enmárcase dentro do proceso de expansión empresarial da firma na que ORBE S.A investirá uns 8 millóns de euros en total. O proxecto conta co apoio municipal e da Xunta de Galicia que esperan que o prestixio desta firma sirva de polo de atracción para outras empresas que se animen a instalarse neste polígono.
O parque industrial da Reigosa ten 49 parcelas das que 24 están vendidas e 2 reservadas
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, garantiu que, por parte do Concello, se axilizarán ao máximo todos os trámites administrativos para que poidan contar canto antes coas correspondentes licenzas. "Espero que pouco a pouco outras empresas comecen neste ano a construción das súas naves e nuns anos o Parque Empresarial da Reigosa poida converterse nun motor de actividade empresarial e industrial e o que é máis importante tamén de xeración de emprego".
O parque industrial da Reigosa, ten 49 parcelas das que, 24 están vendidas e 2 reservadas. Desas, hai 11 empresas xa instaladas e con actividade que ocupan 13 parcelas.
Orbe S.A foi fundada en 1941 por Daniel Vicente Álvarez, bisavó do actual xerente, Juan José Vicente Álvarez, aínda que os seus comezos se remontan a 1934 como fábrica de salgadura de peixes. A empresa facturou o ano pasado 20 millóns de euros. O mercado nacional ocupa un 60% da produción.
Relacionadas:
-
Colocan a primeira pedra da conserveira Orbe na Reigosa
Por Redacción |
-
Aludec traslada o seu centro de produción e oficinas centrais de Vigo á Reigosa
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas declara de "interese municipal" a Conservera Orbe rebaixándolle os impostos
Por Oskar Viéitez |
-
Orbe xa ten listo o proxecto para a súa fábrica de conservas na Reigosa
Por Redacción |