Ponte Caldelas solicitará a transferencia dun treito de estrada na Reigosa para arranxalo
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas anuncia que se vai dirixir á Consellería de Infraestruturas para solicitar que se transfira á administración municipal un treito duns 200 metros correspondente ao vello trazado da estrada autonómica PO-532 ao seu paso pola Reigosa.
O alcalde Andrés Díaz e o concelleiro José Manuel Martínez visitaron a vella estrada pertencente á rede secundaria de estradas autonómicas. Alí comprobaron que o vial dá acceso a varias vivendas e a un local de hostalería, polo que o seu mal estado resulta unha incomodidade para os vehículos que diariamente o empregan.
A estrada presenta varias fochancas que se van abrindo no deteriorado firme. A intención do Concello de Ponte Caldelas é acometer un asfaltado integral, pero ata que se produza a transferencia da vía autonómica ao municipio a aprobación do gasto non resulta posible.
Na comunicación que se vai remitir a Infraestruturas ante o abandono desta estrada, o Concello manifestará a súa intención de pavimentar completamente o tramo de escasos 200 metros na chamada estrada da Ponte, que nace na provincial EP-0002 e remata na PO-532.
O alcalde de Ponte Caldelas indica que unha vez integrada esta vía no patrimonio municipal, o Concello asumirá as competencias en materia de xestión, mantemento e disciplina viaria.
Relacionadas:
-
Paquete de asfaltados en catro viais de Baltar, A Insua, Chaín e A Sorreira
Por Redacción |
-
Comezan os traballos de mellora na estrada de Gradín, en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Letras en cor azul para dar a benvida ao municipio na rotonda da Reigosa
Por Redacción |
-
Andrés Díaz asegura que "a Xunta de Galicia leva máis de seis anos sen facer ningún investimento en Ponte Caldelas"
Por Oskar Viéitez |
-
Melloran o asfalto na estrada que une A Reigosa con Taboadelo, en Ponte Caldelas
Por Redacción |