Os xuíces pontevedreses permitirán resolver os asuntos de familia a través dunha mediación
Por Oskar Viéitez
A delegación da Xunta en Campolongo acolleu este venres a firma dun convenio entre a Xunta, a Universidade de Vigo, o Consello Xeral do Poder Xudicial, a Fiscalía de Galicia e o Colexio de Avogados que permitirá poñer en marcha un servizo de mediación familiar intrajudicial en Pontevedra.
Trátase dun programa que en Galicia conseguiu unha taxa dun 57% de acordos nos casos nos que se aceptou a mediación, que o ano pasado foron 79 de entre os 292 expedientes presentados.
A iniciativa ofrece a posibilidade de resolver os asuntos de familia que chegan ao xulgado por acordo entre as partes a través dunha mediación gratuita que complementa o proceso xudicial.
O Servizo de Mediación Intraxudicial de Pontevedra non só poderá atender casos de divorcios ou separacións, tamén liquidacións de sociedades de gananciais, tutelas e curadorías ou gardas e custodios dos fillos entre outros asuntos susceptibles de mediación.
Á fronte deste servizo situaranse profesionais habilitados e inscritos non Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia. En concreto serán un xurista do Colexio de Avogados de Pontevedra e un psicólogo da Universidade de Vigo. Ambos os dous tratarán de resolver de forma imparcial os conflitos legais familiares que chegan ao xulgado, xa que esta intervención só se produce cando hai un procedemento xudicial aberto. As partes han de aceptar libremente a mediación. O proceso finalizará cunha resolución do xuíz, que pon fin ao procedemento xudicial.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda asinou o convenio de colaboración co vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial, Juan Manuel Fernández, co Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela; co decano do Colexio de Avogados de Pontevedra, Ramón Jaúdenes e co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.
Juan Manuel Fernández insistiu na idoneidade da vía do diálogo e o consenso, pola "pacificación social"; polo aforro de tempo e diñeiro nos procesos; a diminución da carga de traballo que supón e a redución dos custos emocionais dos participantes, algo especialmente importante nos casos de rupturas familiares con fillos menores.
O reitor Salustiano Mato destacou a "utilidade" deste traballo que valorou como "un paso máis na relación que a Universidade quere ter coa sociedade civil".
Igualmente Ramón Jaúdenes expresou a "satisfacción" da avogacía por esta colaboración que asumen "coa esperanza de que libere desa carga histórica que pesa sobre os tribunais de Xustiza".
Pola súa banda o vicepresidente da Xunta resaltou que a mediación intraxudicial familiar é unha iniciativa que está a funcionar con éxito en Santiago, Ourense e Vigo, e que agora se vai implantar en Pontevedra e Lugo. "Imos seguir apostando pola mediación para estendela paulatinamente ao resto das cidades galegas", concluíu.
Relacionadas:
-
Pontevedra lembra que "os conflitos teñen solución na mediación"
Por Redacción |
-
Un árbitro é un pacificador para as familias en conflito
Por Redacción |
-
Un novo servizo facilitará aos pontevedreses resolver os divorcios sen acudir ao Xulgado
Por Redacción |
-
Un novo servizo da Policía Local asesora as vítimas de accidentes de tráfico
Por Natalia Puga |