Pedro Sánchez, novo secretario xeral do PSOE; Madina foi o preferido en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Pedro Sánchez é o novo líder do PSOE. O deputado madrileño converteuse este domingo no primeiro secretario xeral que elixen, mediante primarias, todos os militantes socialistas. A el avalárono case un de cada dous militantes do partido, ao recibir o apoio do 48,69% dos seus compañeiros, fronte ao 36,19% que obtivo o seu principal rival, Eduardo Madina. O terceiro candidato, José Antonio Pérez Tapias, alcanzou o 15% dos votos.
Tras vencer nestas primarias, Pedro Sánchez afirmou que liderará unha Executiva "tan a la izquierda como la militancia de base" e que traballará para que o PSOE recupere as súas aspiracións de goberno cun proxecto que "no caiga en populismo ni demagogia". Neste sentido, avanzou que o primeiro que terán que facer é recuperar as "señas de identidad" dun partido que "siempre ha aspirado a gobernar, a ser mayoría".
Sánchez, que presentou o seu proxecto en Pontevedra o pasado 23 de xuño, garantiu que dará máis poder e participación á militancia de base e que rexuvenecerá a organización sen deixar de lado os referentes históricos do partido. Neste novo proxecto socialista, dixo, "no sobra nadie". E por iso márcase o obxectivo de que tras esta consulta interna o PSOE "salga fortalecido" e os españois encontren nel "un referente de la izquierda".
EN PONTEVEDRA GAÿOU MADINA
Pedro Sánchez impúxose en once comunidades autónomas, entre elas Galicia. Aínda que sen dúbida, o seu grande apoio foi Andalucía, de onde procede un de cada tres dos votos que recibiu nesta consulta. Pola súa banda, Eduardo Madina recibiu o apoio maioritario nas seis restantes (Asturias, Cantabria, Castela e León, Extremadura, Navarra e Cataluña, máis Ceuta e a federación europea).
Non obstante, a pesar de que a opción de Pedro Sánchez foi maioritaria en Galicia, onde logrou o 50,82% dos votos dos militantes; e na provincia de Pontevedra, na que rozou o 52% dos apoios, os socialistas da agrupación local na cidade optaron por Madina como secretario xeral.
Participaron as primarias 203 persoas, o 70% dos militantes con dereito a voto. Deles os 94 apoiaron o deputado vasco, fronte aos 84 que mostraron a súa preferencia por Sánchez. José Antonio Pérez Tapias, o único que durante a campaña non visitou Pontevedra, obtivo 35 votos. Tres militantes optaron ademais por votar en branco.
Pontevedra aproveitou estas primarias, ademais, para elixir os delegados que participarán no próximo Congreso Provincial do PSdeG-PSOE. A lista encabezada polo actual secretario local, Agustín Fernández, foi a opción maioritaria ao ser avalada por 127 dos seus compañeiros. A candidatura alternativa, que estaba liderada por Amadeo Cuiñas, secretario de Organización de Xuventudes Socialistas de Pontevedra, recibiu 84 votos.
Relacionadas:
-
Pedro Sánchez traslada o seu apoio a Fátima Abal, voceira socialista de Cambados
Por Redacción |
-
Os socialistas poñen en marcha a maquinaria electoral
Por Redacción |
-
As primarias para elixir o candidato do PSdeG-PSOE en Pontevedra, o 30 de novembro
Por Redacción |
-
A lista de Abel Caballero é apoiada no Teatro Principal polo 82% dos socialistas de Pontevedra
Por Redacción |
-
Madina explica en Pontevedra o seu modelo federal para España
Por Oskar Viéitez |
-
Pedro Sánchez aposta por un "cambio de verdad" no PSOE e reivindica en Pontevedra a figura de Touriño
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |