Abren unha investigación pola caída dunha moza nua dende un cuarto piso en Portonovo
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Garda Civil abriu unha investigación para aclarar as circunstancias nas que se produciu a caída dunha moza que resultou ferida grave tras precipitarse de madrugada dende un cuarto piso en Portonovo.
Os feitos aconteceron pouco antes das 5.00 horas da madrugada deste domingo nun edificio da travesía Areal de Portonovo, en Sanxenxo. Por causas que aínda se están a investigar, a moza precipitouse á rúa. No momento da caída, estaba nua.
Unha parella que camiñaba pola zona nese momento foi quen deu aviso ao 112. Os dous viandantes viron a moza, nun primeiro momento, nunha das fiestras do edificio e, de súpeto, como caía dende esa mesma fiestra ao chan.
Tras o aviso ao 112, desprazáronse ao lugar efectivos da Garda Civil e Protección Civil, que atenderon nun primeiro momento á vítima á espera da chegada dunha ambulancia do 061. Os sanitarios déronlle unha primeira atención no propio lugar dos feitos e, a continuación, trasladárona ao Hospital Montecelo.
Fontes do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) confirmaron que a moza permanece ingresada na Unidade de Coidados Intensivos (UCI), pero non achegan máis detalles do seu parte médica. Outras fontes apuntan a que a rapaza permanece en estado grave, pero, nun principio, non se teme pola súa vida.
Ao lugar trasladáronse tamén efectivos dos Bombeiros do Salnés, alertados porque a moza caera nunha de difícil acceso, e a Policía Local de Sanxenxo.
Unha vez atendida e identificada, a Garda Civil abriu unha investigación para aclarar o sucedido en coordinación co Xulgado de Garda de Cambados. A familia da moza ten unha vivenda no mesmo edificio de Portonovo no que se produciu o incidente, pero non reside habitualmente alí.