Sanxenxo rexistra poucas incidencias na primeira fin de semana de gran afluencia
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo valorou positivamente en canto a incidencias a primeira fin de semana de grande afluencia, tanto ás praias durante o día coma aos locais de ocio pola noite.
O concelleiro de Seguridade Cidadá, Salvador Durán, recordou que o ámbito de actuacións dos axentes incluíu tamén a celebración de festas parroquiais en Vilalonga ou Portonovo, o Día da Bici ou o concorrido concerto de Milladoiro, entre outros eventos.
Os operativos policiais ocupáronse tamén de controlar o horario de peche dos locais, rexistrándose catro denuncias cursadas polos axentes a tres negocios situados no Porto Deportivo Juan Carlos I que superaron a hora de cesamento de actividade, levando consigo ademais que os policías requirisen o peche nun dos casos.
A Policía levou a cabo unha inspección nun café-bar emprazado na zona urbana de Sanxenxo e acudiu a un establecemento do porto onde se rexistrou unha pelexa. As patrullas nocturnas asistiron ademais a tres accidentes de circulación e cursaron outras tantas denuncias por infracción da Lei Orgánica 1/92, relativas á seguridade cidadá, que se remitiu á Subdelegación do Goberno.
Unha agresión con cortes nunha man a unha rapaza e a caída dunha moza pola ventá dende un cuarto piso na travesía Arenal de Portonovo, foron outros dos incidentes producidos a pasada fin de semana.
"A pesar diso debemos facer un balance positivo de incidencias tendo en conta o elevadísimo número de visitantes que confluíron estes días no municipio", apuntou o edil.
Salvador Durán informou así mesmo do labor desempeñado polos axentes en canto ao 'botellón', que se saldou con seis denuncias. "A tarefa disuasoria que realiza a seguridade privada contratada por Nauta Sanxenxo dentro das instalacións do porto deportivo, sobre todo no parking e nos pantaláns, resultou moi importante, pois alerta e complementa a acción policial que incide en evitar o consumo de alcohol fora dos establecementos e nos espazos públicos", comentou o concelleiro de Seguridade Ciudadana.
INCENDIO URBANO
O Servizo Local de Emerxencias de Sanxenxo e a Policía Local desprazáronse sobre as 13.00 horas deste luns á rúa Viña da Fonte, situada ao lado da Casa Consistorial, onde se rexistrou un incendio na vivenda situada no primeiro piso do número 2. Ao parecer, os feitos producíronse debido a un curtocircuíto nunha lavadora que se encontraba funcionando nese momento.
O lume foi extinguido polo operativo de Emerxencias con extintores, foi preciso cortar o abastecemento de auga do piso e airear. Segundo indicaron responsables deste servizo municipal, tan só houbo danos materiais, que se concentraron na zona da cociña, xa que a vivenda se encontraba baleira.