Xa hai socorristas na praia fluvial do Lérez: o servizo estará activo ata o 7 de setembro
Por Redacción
Aínda que o tempo non acompañe estes días para darse un mergullo no río, a praia fluvial do Lérez xa conta con socorristas. Dende o pasado sábado 21 de xuño, abriuse a tempada de baño no areal pontevedrés e con ela púxose en marcha o servizo de vixilancia e socorrismo. Estará operativo ata a fin de semana da Feira Franca (esta incluída), concretamente ata o 7 de setembro.
Así o confirma a concelleira responsable de Medio Ambiente, Anxos Riveiro. Haberá un socorrista todos os días da semana, de 12.30 a 20.00 horas, aínda que o servizo se verá reforzado cun segundo socorrista durante os fins de semana.
Este é un servizo habitual dende a inauguración desta praia fluvial, situada na estrada que vai ao barrio de Monte Porreiro, nas inmediacións dos coñecidos como Salóns do Lérez.
Durante as últimas semanas realizáronse diferentes actuacións de mellora e limpamento da praia para tela lista de cara ao verán. Entre os traballos que se realizaron encóntrase a limpeza do areal, o acondicionamento da zona verde ou a achega de area para completar a praia. Con eles tratouse de paliar os danos causados durante os temporais do inverno.
PRAIA DE PONTE SAMPAIO
A outra praia fluvial do municipio pontevedrés, a situada no río Verdugo ao seu paso pola parroquia de ponte Sampaio, non contará non obstante con socorristas. A pesar da grande afluencia de xente, o goberno municipal optará de novo porque a vixilancia do areal corra a Cargo de Protección Civil. Segundo Anxos Riveiro, haberá un operativo especial que se activará o próximo 12 de xullo e se manterá, ao igual que na do Lérez, ata a Feira Franca.
Relacionadas:
-
Menos usuarios polo mal tempo e máis picaduras de avespas, balance estival na praia fluvial
Por Redacción |
-
Comezan os traballos de limpeza do canal do río Lérez
Por Redacción |
-
Marín pon a proba os aspirantes aos postos de socorristas e patróns para as súas praias
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Así seleccionan en Sanxenxo os seus vixilantes da praia
Por Diego Torrado |