CAAN pide responsabilidade cidadá ante os casos de envelenamento de cans
Por Redacción
O Centro de Acollida de Animais Abandonados de Armenteira (CAAN) anunciou este xoves que logrou salvar a vida dun can vítima dun envelenamento, bautizado como Covelo, e aproveita para pedir responsabilidade cidadá ante os casos de envelenamento de animais.
Os responsables do CAAN alertan da gravidade da colocación de velenos, que, ademais de ser un delito tipificado no Código Penal, poden ter gravísimas consecuencias para os animais e as persoas.
Malia que os cans, e especialmente os abandonados, son a principal vítima deste tipo de substancias que habitualmente son enmascaradas entre carne ou restos de comida que atraen aos animais máis famentos, poden afectar a calquera especie animal e tamén nenos e maiores poden ser vítimas, dado que moitos velenos se absorben simplemente polo contacto coa pel.
En canto ao caso de Covelo, axentes de Medio Ambiente da Xunta de Galicia demandaron os servizos de CAAN para tratar de recuperar un can atopado no Concello de Covelo cun gravísimo cadro clínico por inxestión de veleno e que apareceu xunto a outros dous animais polos que non se puido facer nada, pois faleceron no momento de ser atopados.
Os efectos do tóxico consumido por Covelo fixo que o traballo dos veterinarios do CAAN tivese que ser moi intenso e prolongado no tempo, dado que se requiriu de practicamente tres meses para acadar a súa total recuperación. O can é un mestizo de cor atigrada branca de pouco máis dun ano e agora, xa recuperado, agarda ser adoptado.
O CAAN continúa coas súas campañas de concienciación contra o maltrato animal e a prol das adopcións e este venres chegará aos nenos que participan nos campamentos de A Lanzada. Desde as 10.00 horas, coñecerán as necesidades e sentimentos dos animais, e aprenderán, de forma divertida e participativa, a importancia e beneficios da identificación dos animais domésticos así como os coidados que precisan, ademais de coñecer o problema do abandono animal e as posibilidades de adopción en centros coma o de Armenteira.
Relacionadas:
-
Alertan da morte por envelenamento de tres cans en parques de Marín
Por Manu Otero |
-
Os Bolechas protagonizan a nova campaña da Deputación de Pontevedra contra o abandono animal
Por Redacción |
-
Máis de 3.000 animais rescatados e 500 adopcións, balance do CAAN no seu primeiro ano e medio
Por Redacción |
-
Un anxo da garda para Ángel
Por Redacción |
-
Falece un can abandonado nun acantilado de Marín e rescatado polo CAAN
Por Redacción |