Decretan o "interese público" do polígono da Granxa do Vao para salvar as trabas da Xunta ao proxecto
O polígono de industria escaparate da Granxa do Vao é unha iniciativa urbanística "dun interese público evidente que dimana da escaseza de solo industrial neste termo municipal". Así se subliña no protocolo que o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, asinou cos propietarios do ámbito, documento co que se dá cumprimento a unha das observacións formuladas no informe previo negativo emitido pola Xunta o pasado mes de marzo.
Este informe previo, que demorou o procedemento de modificación puntual do plan urbanístico de Pontevedra, esixía que se xustificara o interese público da recualificación. O protocolo asinado este mércores con Ceferino Nogueira, Serafín Piñeiro e Joaquín Cochón (empresarios propietarios de case o 96% da superficie do sector) salva esta formalidade e declara a pretendida modificación puntual como unha actuación privada concertada.
Con este protocolo, o Concello de Pontevedra queda comprometido, entre outras cosas, a tramitar a modificación do PXOU diante da Xunta ou interesar do goberno galego a redución da franxa de protección de costas dos 200 metros aos 100 metros. Pola súa banda, os propietarios do polígono están obrigados a entregar varias parcelas ao concello, financiar as posibles expropiacións ou a solicitar as licenzas correspondentes.
Esta modificación puntual do PXOU será aprobada no Pleno municipal de xullo. Tras este trámite, a Xunta de Galicia deberá volver a informar sobre este expediente. Antón Louro confía en que, desta volta, se atope toda a colaboración necesaria na Xunta de Galicia para que o proxecto empresarial poida saír adiante. De ser así, o Concello de Pontevedra agarda que todos os trámites necesarios para este proxecto estean completados antes do próximo Nadal.
DETALLES DO PROXECTO
O polígono industrial da Granxa do Vao está previsto no PXOU dende 1989, cunha superficie de 161.760 metros cadrados distribuídos a ambos lados da estrada de Vilagarcía, que a divide en dous subsectores. O primeiro xa está executado e o segundo resultou moi afectado pola ampliación da estrada, a execución da AP-9 e mesmo polo Plan de Ordenación do Litoral. Finalmente, a súa superficie quedou reducida a 42.423 metros cadrados.
Trátase de desenvolver, segundo Louro, un polígono que xa estaba previsto no PXOU, "pero é necesario afrontar unha recualificación polos profundos cambios sufridos na súa configuración por cuestións totalmente alleas aos propietarios".
Os promotores, vinculados maioritariamente ao Grupo Nogueira, Caenor e Joaquín Cochón, teñen asinados preacordos de reserva de espazo con empresas como Decathlon, McDonald´s, Kiabi, Aki, Lidl, Norauto ou La Marca para implantarse alí e crear máis de 300 postos de traballo.
Relacionadas:
-
O polígono comercial do Vao segue pendente da burocracia despois de 18 anos de trámites
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O polígono empresarial da Granxa do Vao avanza malia a súa complexa tramitación
Por Redacción |
-
Urbanismo impulsa os trámites para culminar o polígono da Granxa do Vao e regularizar o aparcamento de Véteris
Por Redacción |
-
Urbanismo tramita o polígono Granxa do Vao confiando que a Xunta admita unha excepción na lei de Costas
Por Oskar Viéitez |
-
A ampliación do Polígono do Vao "se todo vai ben" estará aprobada nun ano
Por Redacción |