Prisión sen fianza para o home que atropelou dúas mulleres das que tiña orde de afastamento
Por Aitana Vidal & Oskar Viéitez
O Xulgado de Instrución Número 1 de Vilagarcía, decretou prisión provisional comunicada e sen fianza para J.P.R., o home detido este mércores tras atropelar dúas mulleres.
Tras pasar a disposición xudicial ao individuo impútaselle tentativa homicidio e quebrantamento de condena, pois tiña orde afastamento dunha das vítimas.
O suceso aconteceu sobre as 9,30 horas do mércores, cando as dúas mulleres, de 21 e 41 anos, acababan de saír de casa e se dispoñían a dirixirse ao centro de Vilagarcía. Nese momento, supostamente J.P.R. bateu nelas co seu coche dende atrás, golpeándoas contra o muro da súa propia vivenda, e inmediatamente fuxiu, se ben foi detido pola Policía Local poucos minutos despois.
Os servizos policiais que se desprazaron ata o lugar do suceso corroboraron que non había ningunha pegada de freada no lugar no que se rexistrou o atropelo. Esta circunstancia xunto aos antecedentes violentos deste home e a súa animadversión manifesta cara ás vítimas levan os investigadores a concluír que o atropelo foi intencionado.