Queres celebrar unha cacharela de San Xoán? Pide permiso ata o 17 de xuño
Por Redacción
Os veciños de Pontevedra e asociacións interesados en organizar unha fogueira de San Xoán a noite do 23 ao 24 de xuño xa poden pedir permiso. Terán que facelo a través do Rexistro Xeral do Concello antes do próximo día 17 de xuño ás 13.00 horas.
O Concello autorizará as cacharelas que reúnan os requisitos e condicións de seguridade requeridos e lembra as normas ás que terán que axeitarse a instalación e queima, entre as que destaca que terán que distar un mínimo de 15 metros dos edificios e árbores, ter un diámetro máximo de zona de combustión de catro metros de ancho e unha altura máxima de dous metros.
Nun área de diámetro similar ao pau central da fogueira non poderán concentrarse os asistentes á festa e os materiais a empregar na combustión serán leña, polas, toros de árbores e vellos materiais de madeira de calquera clase.
Prohíbense os pneumáticos, plásticos, latas, botellas, materiais con P.V.C. en xeral, e similares, así como botar aerosois, aceites ou líquidos combustibles ou substancias explosivas. Ao respecto, lembran que un bote de aerosol, aínda vacío, pode orixinar unha explosión importante.
Prohíbense as fogueiras baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como as que se realicen sobre vías públicas pavimentadas, xardíns ou zonas verdes en xeral.
A organización terá que acatar as normas ou instruccións que poidan ditar os axentes da Policía Local ou o corpo de Bombeiros e asume o compromiso de dispor no acto dun teléfono móbil en pleno funcionamento e indicar o número na solicitude, xunto co DNI dos organizadores.