O PP acusa ao Goberno local de "relegar ás mulleres a seguir monopolizando as tarefas de cultivo da horta"
Por Natalia Puga
"Que pasa coa xente do BNG? Que quere que planten e cociñen as mulleres mentres os homes ven o fútbol?". Esta é a pregunta que se fai a concelleira do PP en Pontevedra María José Rodríguez Teso tras ter coñecemento de que a nova Horta Urbana que promove o Concello en Conde Bugallal adxudicará as súas 41 parcelas en base a unhas bases nas que se establece que terán preferencia as mulleres.
A edil do PP considera que moi "desacertada" esta decisión. Aplaude a iniciativa da Horta Urbana, pero cre que ao establecer a preferencia de adxudicación para as mulleres o Goberno local está a reproducir uns roles que deberían ser desterrados para loitar pola igualdade entre homes e mulleres. Ao favorecer ao sexo femenino como novas usuarias das parcelas da Horta Urbana "está relegando ás mulleres a seguir monopolizando as tarefas de cultivo da horta".
Ao respecto, explica que todas as iniciativas que sexan impulsadas en pro dunha discriminación positiva das mulleres "son boas", pero sempre e cando estas se refiran a ámbitos nos que as mulleres se atopen nunha posición de inferioridade respecto dos homes, situación que non se da neste caso.
Rodríguez Teso mantén que "obviamente" o mantemento e cultivo da horta é un ámbito no que as mulleres destacan de xeito notable. De feito, insiste en que "na propia idiosincrasia da nosa terra este traballo estivo sempre moi vinculado ás tarefas de fogar, tradicionalmente ligadas ao xénero femenino", de aí que non comprenda o motivo de que se queira agora insistir dende o Concello en que sexan as mulleres as que se adiquen ao cultivo da nova horta de Conde Bugallal.
O PP levará o asunto ao vindeiro Pleno da Corporación municipal para que dende o grupo de Goberno "pensen ben nestas bases" pois tal e como están concibidas lle parecen "discriminatorias", sobre todo tendo en conta "a chea de familias que hai no paro". Na súa opinión, "o lóxico é cederlle (as parcelas) á xente que realmente o necesite, indistintamente do seu sexo".
"Se o que queren é conseguir a igualdade, deberían dar as mesmas opcións a todos os veciños que estean interesados en cultivar algunha das 41 parcelas ofertadas", engade e pide ao Concello que admita a todos os veciños, dando prioridade ás persoas con menos recursos.