Ábrese o prazo para solicitar unha das 41 parcelas da Horta Urbana de Conde Bugallal
Por Redacción
Hasta el 14 de xuño todas as interesadas en facerse cunha das 41 parcelas nas que está dividida a Horta Urbana de Conde Bugallal poderán facer as súas solicitudes. A Xunta de Goberno aprobou este luns os prazos e a normativa que regulará esta horta comunitaria, situada na coñecida como Finca do Conde e que ten unha superficie total de 1.300 metros cadrados. Ambos documentos estarán publicados no taboleiro e na páxina web do Concello.
Na súa adxudicación terán preferencia as mulleres veciñas de Pontevedra con menores a cargo e con situación socioeconómica vulnerable, acreditada polos servizos sociais. A medida que non se vaian cubrindo as parcelas ofertaranse progresivamente a mulleres do barrio e da súa contorna, a veciños en xeral e por último a calquera persoa empadroada no Concello de Pontevedra, sempre que leve inscrita no municipio un mínimo de seis meses.
As parcelas, que serán cedidas por un ano ampliable a un máximo de dous, só poderán usarse como horta. Non se permite a plantación de froiteiras, a cría e explotación de calquera animal e a construción de cabanas, pozos ou invernadoiros. As horas de sego estarán previamente estipuladas polo concello e disporán dun depósito de auga para regar a man fora desas horas. En todo caso, o usuario da horta será o responsable do seu mantemento e coidado.
O Concello de Pontevedra será o encargado das funcións técnicas de asesoramento, vixilancia e sanción do correcto uso dos terreos de propiedade municipal afectados por esta normativa. As persoas que non cumpran coas súas obrigas, determinadas polo regulamento municipal, poderán perder a súa parcela, que será entregada a un novo solicitante.
OUTROS ASUNTOS DA XUNTA DE GOBERNO
Ademais, na Xunta de Goberno celebrada este luns aprobouse un prazo de catro meses, entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, para poder solicitar os nichos vacantes nos cemiterios municipais; e aprobouse unha subvención de máis de 24.000 euros á que se poderán acoller as ANPAS dos colexios do municipio para financiar as súas actividades.
En canto a contratación, o goberno local autorizou destinar preto de 600.000 euros para a compra de novos vehículos para o servizo municipal de extinción de incendios. En concreto, incorporaranse ao parque móbil unha furgoneta para o traslado de persoas (72.000 euros), un vehículo de rescate acuático (120.000 euros) e un camión de primeira resposta (400.000 euros). As empresas poderán presentarse unha vez saia publicado no BOP.