A Fiscalía pide cinco anos de prisión para un veciño de Lalín acusado de plantar lume a unha vivenda habitada
Por Oskar Viéitez
A Sección segunda Audiencia Provincial deixou visto para sentenza o xuízo contra un veciño de Lalín (Pontevedra) acusado dun delito de incendio con perigo para a vida.
O fiscal reduciu a súa petición inicial de penas de dez a cinco anos de prisión para Tito C.G. ao que acusa de ter prendido lume á casa de Alejandro R.F., irmán da súa parella naquel entón. Os feitos aconteceron o 1 de agosto do ano 2007, polo que o fiscal recoñeceu a existencia de dilacións indebidas na resolución deste caso.
Durante o xuízo o acusado explicou que aquela noite estivo de copas por Santiago de Compostela cuns amigos, entre eles a que hoxe en día é o seu cónxuxe e un amigo xa falecido. A primeira hora da mañá, sobre as 8:30 horas, volveu a Lalín, xa que tiña que asinar no xulgado debido a unha orde de protección contra el.
Tito recoñeceu que "no tenía una buena relación" coa familia da súa noiva, entre eles Alejandro, un dos seus cinco irmáns. Non obstante, negou terlle ameazado e rexeitou a acusación que se formula contra el "me enteré del incendio cuando fui detenido", afirmou.
Pola súa banda, Alejandro insistiu en que, diante de toda a súa familia, o acusado o ameazara con queimalo a casa con el dentro. Este home asegurou que aquel día, se encontraba na súa vivenda coa súa filla de sete anos, a súa muller acababa de marchar ao traballo cando lles sorprendeu "unha gran llamarada" no exterior da vivenda "ao saír puiden ver tres persoas correndo. A un recoñecino pola voz e pareceume Tito, aínda que a día de hoxe non podería aseguralo con rotundidade", relatou ao tribunal "ademais puiden ver dous coches, un deles de cor vermella", como un dos vehículos propiedade do acusado.
Inmediatamente Alejandro colleu a súa filla pequena e saíu da casa co seu coche en persecución dos asaltantes, pero non conseguiu darlles alcance.
Segundo a Garda Civil e os peritos o incendio produciuse nun muro exterior da casa e non afectou á estrutura principal da vivenda "grazas á pronta intervención dos propietarios que evitaron a propagación do lume", polo que o fiscal afirmou que existía un "perigo abstracto".
O letrado da defensa intentou vincular con este caso un segundo incendio que sufriu Alejandro R.F. días despois no que resultou calcinado o seu vehículo privado. Un Porsche valorado en máis de 70.000 euros. O caso xa foi xulgado, resultando condenados dous homes que sostiveron que se equivocaron de vítima xa que o ataque non ía dirixido a el.