Absolven un lalinense que se enfrontaba a cinco anos de prisión por incendiar unha vivenda habitada
Por Redacción
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra absolveu o veciño de Lalín Tito C.G., xulgado no mes de maio por intentar queimar unha casa con dúas persoas dentro, unha delas unha nena de 7 anos, e para quen a Fiscalía solicitaba cinco anos de prisión.
A sentenza absolutoria incide en que a principal proba que se utilizaba contra o acusado era a declaración da presunta vítima, que era un dos cinco irmáns da que no momento dos feitos era a súa parella, e que esta non ten a suficiente rotundidade como para xustificar un fallo condenatorio.
Segundo recolle a sentenza, as probas achegadas non desvirtúan o principio de presuncia de inocencia do procesado, pois mesmo os informes elaborados pola Garda Civil sobre o incendio do 1 de agosto de 2007 "non botan luz ningunha" sobre a autoría do incendio. Segundo a Garda Civil e os peritos, o incendio produciuse nun muro exterior da casa e non afectou á estrutura principal da vivenda, pero non aclaran a súa autoría.
O tribunal dá, ademais, credibilidade á declaración do procesado e o seu defensa, pois non incorreu en contradicións e as súas testemuñas corroboran con "coherencia" a súa coartada.
Durante o xuízo o acusado explicou que aquela noite estivo de copas por Santiago de Compostela cuns amigos e sobre as 8.30 horas da mañá volveu a Lalín, xa que tiña que asinar no xulgado debido a unha orde de protección que estaba vixente contra el.
O home recoñeceu que "non tiña unha boa relación" coa familia da súa noiva, entre eles o denunciante que estaba dentro da casa coa súa filla de sete anos, pero negou terlle ameazado diante de toda a súa familia con que o queimaría a casa con el dentro e rexeitou a acusación de que el causase o incendio. "Decateime do incendio cando fun detido", declarou.
O fiscal reduciu a súa petición inicial de penas de dez a cinco anos de prisión para Tito C.G. pola existencia de dilacións indebidas na resolución deste caso.