O Comité Executivo da Cámara de Comercio declara no xulgado por un delito contra a Administración de Xustiza
Por Redacción
Varios membros do Comité Executivo da Cámara de Comercio de Pontevedra declararon este martes en calidade de imputados ante o Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra por un presunto delito contra a Administración de Xustiza, coaccións e ameazas pola súa decisión do 26 de decembro de 2012 pola que despediron tres traballadores.
Esta declaración responde á querela que impulsou o fiscal xefe da Audiencia de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, pola posible vinculación deses despedimentos coas denuncias previas que realizaron os tres ex traballadores e outros dous empregados que seguen traballando no ente polas presuntas irregularidades na xestión da Cámara.
O fiscal pediu a declaración como imputados de todas as persoas que aquel 26 de decembro de 2012 se reuniron e acordaron o despedimento, isto é, todos os membros do Comité Executivo que acudiron á reunión; o ex presidente da Cámara, Antonio Gómez Rivera (agora xubilado); e a secretaria xeral, Rosario Lorenzo.
Gómez Rivera e Rosario Lorenzo xa declararon como imputados en abril de 2013 e os tres traballadores despedidos xa pasaron tamén polo xulgado en calidade de testemuñas, pero non saíra á luz ningunha novidade máis en relación co proceso xudicial nin co resto de imputados.
Este martes fontes xudiciais sinalaron que se produciran novas declaracións e o propio fiscal xefe confirmou que pasaron polo despacho da xuíza todos os imputados agás dous. Non transcendeu o contido da súa declaración.
O 28 de decembro de 2012, isto é, dous dìas despois daquela reunión, os tres traballadores foron despedidos alegando a Cámara razóns económicas e organizativas. Os tres e outros dous tiñan presentado varias denuncias previas que propiciaron que o fiscal de Delitos Económicos, Augusto Santaló, abrise dilixencias polas irregularidades e por un posible delito de negociacións prohibidas a funcionarios no que está imputada Charo Lorenzo.
Tras o despedimento, en xaneiro de 2013, estes traballadores denunciaron ante a Fiscalía que entendían que rompera o seu contrato por represalias polas denuncias e que as causas destes despedimentos non eran obxectivas. Tras tomarlles declaración, Juan Carlos Aladro decidiu abrir un novo procedemento polo citado delito contra a Administración de Xustiza polo que este martes prestaron declaración.
Relacionadas:
-
O fiscal mantén que os ex presidente e secretaria da Cámara despediron tres empregados por represalias
Por Natalia Puga |
-
A xestión da Cámara de Comercio, de novo no xulgado con Charo Lorenzo e Gómez Rivera no banco dos acusados
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Charo Lorenzo e Gómez Rivera, a xuízo por despedir a tres traballadores da Cámara por represalias
Por Natalia Puga |
-
Charo Lorenzo recoñece que cometeu aceptación de suborno como secretaria da Cámara de Comercio
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Piden tres anos de prisión para a secretaria da Cámara por aceptación de suborno
Por Redacción |
-
O Consello de Contas detecta irregularidades da Cámara de Comercio na xestión de Pomovil e Ferpalia
Por Natalia Puga |
-
Abertas as dilixencias por acoso laboral na Cámara de Comercio
Por Anxo Lourido |
-
Fiscalía chama a declarar aos cinco traballadores que denunciaron á Cámara de Comercio
Por Redacción |