Salta muros de ata tres metros e rompe portas e fiestras para roubar en casas de Estribela
Por Natalia Puga
Un veciño de Pontevedra supostamente roubou nas últimas semanas en catro vivendas da zona de Estribela facendo gala de pericia e, ao mesmo tempo, falta de delicadeza. Pericia porque chegou a saltar muros de ata tres metros para acceder a algún dos terreos. Falta de tacto porque para entrar rompía portas e fiestras e nunha chegou a matar paxaros engaiolados.
O home, de 31 anos, foi detido pola Policía Nacional como presunto autor de catro roubos con forza en domicilios, tres no barrio de Estribela e o cuarto en Mollabao, pero nunha zona de Rosalía de Castro xa limítrofe con aquel barrio. Tras prestar declaración na Comisaría, está pendente de pasar a disposición xudicial.
A primeira denuncia dos seus delitos chegou á Comisaría o 30 de outubro. Un veciño de Pontevedra que fora vítima dun roubo na súa casa unifamiliar. Os responsables tiñan fracturar unha fiestra da vivenda para acceder ao interior, se ben nun primeiro momento non botaba nada en falta.
En días sucesivos recibíronse na Comisaría outras tres denuncias por roubos no interior de domicilios da mesma zona. Nun dos casos, foi necesario saltar un muro de case tres metros de altura que rodea o terreo e logo romper a porta de acceso.
Rompeu o cadeado e chegou a matar algún dos paxaros, tratando de capturar outros sen conseguilo
Unha vez dentro, e tras revolver todo, subtraeron dúas cisallas. Ademais, causaron múltiples danos en varias gaiolas con paxaros. Romperon o cadeado e chegaron a matar algún dos paxaros, tratando de capturar outros sen conseguilo.
Noutra vivenda próxima, á que tamén accederon saltando o muro, o propietario denunciou a subtracción de diversos apeiros de labranza, un curta céspede, unha motoserra, un curta sebes, unha moto aixada, xoias, dous televisores e unha consola PlayStation.
Unha das vítimas relatou que o 3 de novembro sorprendeu o presunto autor no interior do terreo cando fracturaba un cristal para acceder ao interior da vivenda, se ben ao verse sorprendido saíu fuxindo á carreira.
As investigacións policiais concluíron este luns 19 de novembro coa detención do suposto autor dos catro roubos ás 18.00 horas nas inmediacións do seu domicilio.