Liberdade para o ladrón de catro casas que arrasou con xaulas de animais
Por Natalia Puga
O Xulgado de Garda de Pontevedra decretou a posta en liberdade con cargos do pontevedrés detido por roubar en catro domicilios de Estribela e Lourizán. Nun deles, chegou a matar paxaros engaiolados.
Este particular inimigo dos canarios está acusado de catro roubos con forza en domicilios. En concreto, a casa na que mostrou o seu particular falta de delicadeza cara aos animais con plumas está nos Cunchidos, en Lourizán.
Para perpetrar este roubo foi necesario saltar un muro de case tres metros de altura que rodea a leira e logo romper a porta de acceso. Unha vez dentro, e tras revolver todo, subtraeu dúas cizallas.
Ademais, causou múltiples danos en varias gaiolas con paxaros. Rompeu o cadeado e chegou a matar a algún dos paxaros, tratando de capturar a outros sen conseguilo.
A primeira denuncia das súas fechorías chegou á Comisaría o 30 de outubro. Un veciño de Pontevedra que fora vítima dun roubo na súa casa unifamiliar. En días sucesivos recibíronse na Comisaría outras tres denuncias por roubos no interior de domicilios da mesma zona.