20 mozos de diversos países participarán nun campo de traballo en Cotobade
Por Redacción
O director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro e Jorge Cubela, alcalde de Cotobade, presentaron o campo de traballo que se vai desenvolver no municipio de Cotobade na última quincena do mes de xuño.
Ofértanse vinte prazas para mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos tanto de Galicia coma de 27 países que participan neste programa da Xunta de Galicia.
Neste caso, segundo explicou o alcalde de Cotobade, os campos de traballo desenvolveranse na carballeira de San Xusto en San Xurxo de Sacose no Roteiro de Lérez, a única de titularidade municipal, unha senda que se recuperou nos últimos anos. Os mozos realizarán tarefas de catalogación, limpeza e sinalización do ámbito co obxectivo de poñer en valor os recursos ambientais desas zonas.
O custo para cada participante é de 90 euros e o presuposto do campo de traballo sitúase sobre os 9.000 euros, indicou Ovidio Rodeiro. E Jorge Cubela apuntou que se desenvolverán actividades paralelas durante esa quincena como tiro con arco, sendeirismo e outros obradoiros para o desfrute dos mozos que participen nesta iniciativa.