![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/4a2/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/536bcc0b2c-congresodeporte.jpg)
© DUVI Universidade de Vigo
400 estudantes e titulados en Ciencias do Deporte danse cita no Pazo da Cultura
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Preto de 400 estudantes e titulados en disciplinas relacionadas co mundo do deporte danse cita dende este xoves e durante tres días no Pazo da Cultura con motivo do X Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e da Actividade Física, un evento no que se presentou un estudo sobre os beneficios da incorporación do coello de granxa á dieta de deportistas de elite.
Coa idea de ofrecer un amplo panorama da investigación relacionada coas Ciencias do Deporte, no programa deste congreso, coorganizado pola vicerreitoría do campus de Pontevedra, hai espazo para áreas como o ocio e o tempo libre, a didáctica, a xestión deportiva, a psicoloxía ou a nutrición. Neste último campo centrouse precisamente o relatorio impartido nesta primeira xornada por Nieves Palacios, a investigadora do Consello Superior de Deportes (CSD), que presentou os resultados preliminares do citado estudo.
A investigación levouse a cabo na residencia de deportistas de alto rendemento Joaquín Blume de Madrid, onde se incluíu na dieta dun grupo de deportistas a carne de coello de granxa durante 12 semanas, para logo comparar os resultados obtidos cos doutros compañeiros da residencia que levaron a mesma dieta coa excepción deste alimento.
Lete Lasa animou aos expertos reunidos no Pazo da Cultura a continuar co seu labor investigador no ámbito das Ciencias do Deporte e puxo sobre a mesa a "enorme oportunidade" que supón o novo programa europeo Erasmus+ "para a cooperación de entidades públicas e privadas no desenvolvemento de proxectos, xa que por primeira vez se inclúe o deporte como unha actividade a subvencionar neste programa".
Este Congreso Internacional das Ciencias do Deporte e da Actividade Física chega a súa décima edición logo de pasar polo evento, ao longo dos anos, preto de 3.500 profesionais do mundo do deporte.