Dous detidos por un asalto na casa do Rei dos Xitanos no que el denuncia que o intentaron matar
Por Natalia Puga
Olegario Giménez Morón, o Rei dos Xitanos e pai do coñecido Sinaí Giménez Jimenez, denunciou este martes que dous asaltantes entraron na súa casa armados con armas de fogo e intentaron matalo. Se se produciu o intento de homicidio ou non aínda está sen demostrar por parte dos investigadores da Garda Civil, pero si que foron detidas xa dúas persoas polos feitos acontecidos. Un deles é un axente do Instituto Armado que estivera destinado na Comandancia de Pontevedra.
Sinaí Giménez ten moita vinculación con Pontevedra, pero o seu pai ten a súa vivenda en Tomiño e foi alí onde aconteceron os feitos denunciados. Foi a primeira hora da tarde e a Sociedade Xitana de Galicia denúnciao como un intento de asasinato. Non obstante, a Garda Civil confirma os arrestos, pero matiza que á espera de que avancen as investigacións aínda non se lles pode atribuír delito algún.
O axente da Garda Civil detido, J.P.G., está destinado na actualidade nunha localidade da provincia da Coruña, Cando desempeñaba as súas funcións na Comandancia de Pontevedra abríuselle un expediente disciplinario. O segundo detido é A.PG., axente forestal da Xunta de Galicia na localidade coruñesa de Boiro.
A investigación dos feitos aínda é moi incipiente como para concretar o sucedido, pero un extremo que si se confirmou é que o asalto conseguiron frustralo familiares do propio Rei dos Xitanos e persoas próximas ás que ten encargada a súa seguridade. Sinaí Gimenez indica que "conseguiron frustrar o intento de asasinato" e desarmar os atacantes e retivéronos na casa, ao tempo que alertaron o resto da familia e a Garda Civil. Cando chegaron os axentes, os fillos de Morón entregáronlles as armas.
Durante o enfrontamento Sinaí Giménez recoñece que causaron feridas aos asaltantes. Outras fontes indicaron que ao garda civil o danaron cunha arma branca e ao axente forestal déronlle un golpe na cabeza.
O propio Sinaí Giménez relata que chegou á casa do seu pai aos poucos minutos tras ser avisado polos seus familiares e tranquilizou os ánimos na vivenda para evitar que houbese máis agresións ou que algún dos presentes intentase tomar a Xustiza pola súa man. A Unidade Orgánica da Policía Xudicial que asumiu o caso tamén tomou medidas de seguridade na vivenda para evitar posibles incidentes derivados.
Sinaí Giménez denuncia con rotundidade que pretendían matar o seu pai e atribúe o sucedido a un intento de extorsión, pero estas circunstancia non foi confirmada aínda polos investigadores. A Sociedade Xitana e a familia de 'Morón' xa anunciaron que presentarán como acusación particular contra os supostos agresores e Sinaí Giménez recorda que hai tres anos o seu pai xa foi vítima dunha agresión similar na súa vivenda na que estaría implicado un dos detidos este martes. As fontes da investigación consultadas negan esta circunstancia, pero recordan que por aquel asalto resultou condenado o fillo de Olegario Giménez por agresión.