O alcalde lamenta que a Xunta e o Estado "teñan edificios sen uso" en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A vella sede da Xunta en Benito Corbal ou a antiga Comandancia da Garda Civil na rúa Loureiro Crespo foron algúns dos exemplos de "abandono" por parte da Xunta e o Estado que citou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
"Eu non vou deixar edificios baleiros na cidade cando hai tantas solicitudes de uso". O rexedor defendeu así as obras que se están a acometer na residencia da ONCE para acondicionar o edificio como un gran centro cívico, mesmo admitiu que haberá un sobrecusto, que elevará o presuposto final por enriba dos 130.000 euros previstos.
Fernández Lores e o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, foron interpelados por este asunto durante o pleno deste luns polo voceiro do grupo popular, Jacobo Moreira, que intentou afondar na fisura que xerou no seo do goberno bipartito o futuro da residencia da ONCE.
O alcalde garantiu que este inmoble será un "gran centro cívico" para as distintas asociacións que o solicitaron "mesmo para a Universidade de Vigo, que xa o ten solicitado"
Fernández Lores: "somos dous partidos distintos, pero negociamos e chegamos a acordos polo ben da cidade"
Pola súa banda, Louro asegurou ser partidario de modificar o convenio urbanístico asinado en 2006 coa ONCE polo cal a entidade obtiña tamén a recualificación de 6.200 metros cadrados para edificar máis de 250 vivendas en Doce de Novembro, ademais dun centro de recursos educativos e un aparcadoiro. Ao tempo, Louro non dubidou en aplaudir o "bo criterio" do alcalde ao encargar as obras de reparación do edificio.
Sen eludir as intencións da oposición, Fernández Lores recoñeceu que o tema suscita discrepancias "porque somos dous partidos distintos, pero negociamos e chegamos a acordos polo ben da cidade" e engadiu "nos temos diferenzas, pero non se nos escapan os concelleiros".