Música "municipal" para a celebración do tercer centenario da Igrexa de San Bartolomeu
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Patrimonio, Luis Bará, recibiron representantes da parroquia de San Bartolomé con motivo do terceiro centenario da Igrexa xesuíta de San Bartolomé de Pontevedra.
Durante a reunión, o alcalde comprometeuse a colaborar na celebración desta efemérides coa achega de actuacións musicais como a que correrá a cargo do grupo de música barroca do Conservatorio Manuel Quiroga no mes de xuño. Na véspera de San Bartolomé, o 24 de agosto, tamén está prevista unha actuación da Banda de Música de Pontevedra.
Durante a xornada de San Bartolomé está prevista, ademais, unha actuación de danzas tradicionais, de espadas e de fitas.
O programa de actividades complétase con propostas, nas que colabora a Deputación e o Museo, a partir do 6 de xuño cunha exposición que baixo o título 'De templo Xesuita a Parroquia de San Bartolomeu' se reflectirá a historia da fundación da freguesía, dende as súas orixes coa construción do colexio, a Igrexa e os anexos dos Xesuítas ata a expulsión desta orde mendicante e a formación da Parroquia.
A partir do 12 de xuño realizaranse conferencias sobre esta orde eclesiástica e a relevancia artística do templo, ademais dun concerto de música sacra do coro do Liceo de Vilagarcía.