Os temporais causaron danos por 4,9 millóns de euros en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Despois de reunir todas as facturas e sumar a súa contía a concelleira de Protección Cidadá, Carme da Silva, compareceu en rolda de prensa para informar dos danos causados polos temporais deste inverno no municipio de Pontevedra, un total de 4,9 millóns de euros.
Entre os meses de decembro, xaneiro e febreiro os temporais que azoutaron Pontevedra deixaron un regueiro de danos en bens públicos: viais e zonas verdes, edificios municipais, iluminación pública, rede de sumidoiros, mobiliario urbano, entre outros.
Nas próximas semanas iranse acometendo as reparacións oportunas aínda que non todas puideron esperar. Así o Concello xa gastou 706.000 euros en reparacións urxentes, como o paseo do Gafos, a cuberta do Pazo da Cultura, ou a antena do sistema de comunicacións da Policía Local.
Aínda que nalgúns casos os seguros cobren parte dos danos, a factura é tan elevada que o Concello solicitará a colaboración económica doutras Administracións.