Invisten preto de 100.000 euros en paliar danos en camiños e vías rurais
Por Redacción
As últimas chuvias causaron numerosos danos en diferentes camiños e vías rurais das parroquias pontevedresas, especialmente en diversos muros de contención destas estradas. Por iso, o Concello de Pontevedra aprobou unha serie de actuacións de urxencia para solucionar este asunto. Investiranse, en total, 94.429 euros.
A Xunta de Goberno foi a que aprobou a adxudicación destas obras á empresa E.C. Casas. Trátase de intervencións en Lourizán, Mourente, Xeve, Salcedo, Campañó, A Canicouva ou Verducido. Son todas elas de pequena entidade.
Ademais, o Concello de Pontevedra tramitou a continuidade do ARI de Estribela. Realizaranse o próximo ano 36 actuacións en inmobles privados e unha obra pública.
A contía global destas obras é de 525.000 euros, dos cales 164.000 son achegados polo Ministerio de Fomento e 203.000 polo goberno municipal. O resto deberán asumilos os propietarios dos edificios que vaian ser reformados.