A Aula Castelao aposta pola revolución na XXXI Semana Galega de Filosofía
Por Redacción
'Filosofía e revolución' é o tema sobre o que se debaterá na XXXI Semana Galega de Filosofía, que se vai desenvolver entre o 21 e o 25 de abril no Teatro Principal de Pontevedra coa intención de analizar que solucións se poden adoptar para que se acometa un cambio na sociedade.
As xornadas, como xa é tradicional, desenvolveranse en sesións de mañá, tarde e noite. Durante as mañás presentaranse reflexións filosóficas a favor da revolución coa participación de Terry Eagleton, quen ofrecerá o discurso inaugural baixo o título 'Por que Marx tiña razón?', e nos seguintes días intervirán Gérard Mauger; o filósofo italiano Domenico Losurdo; Valeriano Bozal e o filósofo cubano residente en Alemaña, Raúl Fornet.
Ao longo dos cinco días, polas tardes revisarase a situación en Galicia coa participación de Alba Nogueira que analizará os recortes de dereitos fundamentais e liberdades durante os últimos anos; Xosé Veiras; Ana Iglesias; a artista María Ruido e o político Bautista Álvarez.
Durante as noites debaterase sobre a posibilidade de que poida orixinarse unha revolución na sociedade actual, con intervencións de Santiago Alba para mostrar a alienación que ofrece a tecnoloxía; o militar portugués principal estratego da Revolución dos Caraveis, Otero Saraiva de Carvalho; o antropólogo Aurelio Faião; o historiador Frank Mintz e a lección de clausura correrá a cargo de Farruco Sesto Novás.
A coordinadora da Aula Castelao, Ana Regueira, indicou durante a presentación que a destrución social que se está a executar a través de operacións ideolóxicas e materiais desarticulan ao colectivo e ao individuo, e esa situación está a conducir á sociedade a "un descenso cara o inframundo".