A Semana Galega de Filosofía analizará a revolución como modelo de cambio social
Por Redacción
A dirección do Aula Castelao mantivo unha reunión co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para presentarlle a trixésimo primeira edición da Semana Galega de Filosofía, que se vai desenvolver entre o 21 e o 25 de abril no Teatro Principal de Pontevedra. Nesta ocasión, a temática centrarase na relación entre a filosofía e a revolución.
A coordinadora da Aula Castelao, Ana Regueira, sinalou que se escollera este tema porque "xa non chega con ser uns rebeldes. As cousas necesitan un cambio cualitativo" e por iso os relatorios estarán relacionados coa posibilidade de establecer unha orde social distinta, máis xusto.
Con esta proposta desenvolverase unha edición que fará unha homenaxe especial ao corenta aniversario da Revolución dos Caraveis, que se cumpre neste 2014. Entre os relatores encontrarase Otero Saraiva de Carvalho, un ex militar e político portugués que impulsou a revolución lusa para abrir o periódo democrático tras o réxime ditatorial de Oliveira Salazar. O relatorio inaugural correrá a cargo do crítico literario Terry Eagleton baixo o título 'Por que Marx tiña razón?'.
Ana Regueira agradeceu a colaboración do concello na cesión do Teatro Principal e lamentou que a desaparición das caixas galegas levase a que tivesen que abandonar o Auditorio de Novacaixagalicia, habitual espazo no que se desenvolvía a Semana Galega de Filosofía ata que, hai un par de anos, a entidade decidiu establecer un elevado prezo para ceder as instalacións.