Detido por furtar 14.400 euros en cadeas de ouro dunha xoiaría de Cuntis
Por Redacción
A Garda Civil detivo o domingo un veciño de Vilagarcía de Arousa de 18 anos como presunto autor dun furto cometido en decembro nunha xoiaría de Cuntis, da que supostamente se levou unha manta que contiña cadeas de ouro por un valor de 14.400 euros.
A Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia de Pontevedra abriu unha investigación a raíz da denuncia presentada o 18 de decembro de 2013 que tiña como sospeitoso un varón que entrou na xoiaría en cuestión co rostro cuberto parcialmente cun gorro tipo peruano e con luvas.
Segundo consta nas dilixencias, o home accedeu ao interior da xoiaría e interesouse por unhas cadeas de ouro, que previamente reservara. A persoa que se encontraba á fronte da xoiaría mostroulle unha manta con cadeas de ouro e, nese momento, o suposto cliente arrebatoulla das mans e saíu correndo.
Esta persoa estivera na xoiaría con anterioridade ao día dos feitos solicitando ver cadeas de ouro que quería regalar a un familiar. Asegurou que tiña un presuposto de 200 euros para o obsequio, polo que o ensinaron dúas mantas con cadeas e cordóns de ouro. Con este xesto logrou gañar a confianza dos empregados da xoiaría e apoderarse dunha manta con xoias valoradas en 14.400 euros que lle ían mostrar.
Os investigadores realizaron un estudo de persoas co perfil descrito polo responsable da xoiaría e con antecedentes por feitos similares e lograron identificar o agora detido como presunto responsable do furto. O mozo xa ten antecedentes por feitos similares en Pontevedra e Vigo e foi posto a disposición xudicial.