Os socialistas comezan o curso político denunciando "os 6 meses nefastos de Rueda"
Por Oskar Viéitez
O PSdeG-PSOE celebrou este sábado o seu Comité Provincial nos xardíns da UNED en Pontevedra para abrir un curso político que, por primeira vez nos últimos anos, non está marcado pola proximidade dun proceso electoral.
O secretario xeral provincial, David Regades, aplaudiu que nestas circunstancias o secretario xeral federal, Pedro Sánchez, teña decidido convocar o Congreso Federal do PSOE para o próximo mes de novembro, abrindo así o proceso orgánico de renovación de tódolos órganos do partido. "Pido un debate de ideas para seguir fortalecendo a este partido", afirmou Regades, "e, a partir de aí, traballar todos e todas moi duro para gañar as Municipais de 2027".
Regades subliñou que o PSOE é un "corredor de fondo" que ten a súa maior fortaleza nas municipais, polo que amosouse convencido de que "vanse recuperar Alcaldías e incorporaranse outras novas" e iso significará "a recuperación do Goberno da Deputación para reverter os retrocesos democráticos evidentes que se están a producir co PP en materia de Igualdade, Memoria histórica, transparencia e arbitrariedade na realización de obras públicas".
"É necesario que a Deputación volva a estar ao servizo da provincia e non da Xunta do PP", alegou.
David Regades recordou que hai 6 meses que Alfonso Rueda converteuse en presidente da Xunta e cualificou este período como "nefasto" ao estar "caracterizado polos sablazos de Sogama, cunha suba dun 64% do canon aos concellos, e da auga, co célebre imposto á choiva".
Aludiu tamén ao "escándalo da infrafinanciación autonómica" do Servizo de Axuda no Fogar. Citou a conxelación, por décimoquinto ano consecutivo, do Fondo de Cooperación Local, ou a carga que supoñen para os municipios as escolas infantís ou o mantemento dos centros escolares.
"A xestión de Rueda é nociva para a veciñanza porque é nociva para os concellos". Tamén aludiu Regades ao "deterioro continuo" da Atención Primaria e a Sanidade Pública en xeral. "O PP di que hoxe está de festa, pero debería estar de loito", concluíu.