O PSOE reclamará no pleno a Sogama que non suba o canon do lixo un 93% en 2025
Por Anxo Lourido
O grupo municipal do PSOE de Pontevedra levará ao pleno de setembro unha moción para instar á Xunta de Galicia a reverter a suba do canon do lixo anunciada por Sogama, a empresa pública encargada da xestión dos residuos.
Sogama anunciou que o canon pasará dos 66 euros por tonelada actual aos 108 euros en 2025, un incremento do 93% que, segundo o PSOE, suporá un "gran impacto" nas arcas municipais e no recibo da veciñanza.
Na moción, os socialistas solicitan que se manteña o canon actual de 66 euros por tonelada de residuos domésticos, así como a bonificación do 15% para os concellos, como Pontevedra, que cumpran cos requisitos de redución de residuos e implantación do contedor marrón.
Esta bonificación, que estaba en vigor ata xuño de 2024, foi eliminada por Sogama, o que xa provocou un aumento do 15% no recibo do lixo desde xullo, segundo denunciaban os socialistas.
Manuel Fariña, concelleiro do PSOE, cualificou a medida como un "timo galaico" e criticou a "nefasta xestión" do goberno galego en materia de residuos.
Pola súa banda, Paloma Castro, deputada socialista no Parlamento de Galicia, denunciou que a Xunta "asfixia" aos concellos con este tipo de medidas e acusou ao goberno autonómico de aplicar un "argumento falaz e mentireiro" para xustificar o incremento do canon.
O PSOE tamén solicita que se distribúan os 12,1 millóns de euros do Fondo Ambiental entre os concellos galegos en función do volume de residuos depositados.
Paloma Castro: "o que imos preguntar é se Rafa Domínguez e o grupo municipal do PP van apoiar que suban o recibo do lixo"
Tamén pedirán a creación dunha comisión de traballo entre Sogama, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), e as consellerías de Medio Ambiente e Facenda para revisar o modelo de xestión de residuos en Galicia.
Os socialistas consideran que o modelo actual de Sogama, que incinera o 61% do lixo que recibe, é contrario ás recomendacións da Unión Europea, que priorizan a redución, reciclaxe e reutilización dos residuos.
Segundo Castro, "Galicia non cumpre" cos obxectivos marcados pola UE, xa que só recicla o 18% dos residuos, lonxe do obxectivo do 25% marcado para 2024.
"O que imos preguntar é se Rafa Domínguez e o grupo municipal do PP van apoiar que suban o recibo do lixo", avanzou Paloma Castro sinalando que a cidadanía non pode asumir a "mala xestión durante unha década" dos residuos por parte da Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
Domínguez defende a suba do canon do lixo para que "Sogama equilibre contas" pero pide que non repercuta nos pontevedreses
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Unha delegación da cidade surcoreana de Suncheon estuda o 'Modelo Pontevedra'
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas comezan o curso político denunciando "os 6 meses nefastos de Rueda"
Por Oskar Viéitez |
-
Lores rexeita a subida do canon de Sogama que custaría un millón e medio máis ao ano a Pontevedra: "É un auténtico sablazo"
Por Oskar Viéitez |